Pasar al contenido principal

O CPEIG dirixe un curso de administración electrónica para que o persoal empregado público galego mellore as súas competencias e se converta en protagonista da transformación dixital das súas institucións

Inauguración Curso Superior de Administración Electrónica 2025

Miguel Ángel Amutio, conferenciante: “La digitalización requiere de un proceso de evolución continua en el tiempo a la luz de la experiencia acumulada, de las exigencias de la sociedad y las necesidades de la ciudadanía y las empresas”

Inaugurouse hoxe a décimo quinta edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 28 de outubro na EGAP, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugurou hoxe a décimo quinta edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2025, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Fernando Suárez sinalou que se cumpren quince anos de percorrido dun proxecto “xa consolidado, vivo, que non perde forza co paso do tempo”, grazas á estreita colaboración entre as tres entidades, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, EGAP e CPEIG. “A pesar da longa traxectoria, seguimos a recibir unha acollida extraordinaria. Preto de duascentas solicitudes para setenta prazas dispoñibles, dato que reflicte o interese real que existe entre o persoal empregado público por mellorar as súas competencias e por converterse en protagonistas da transformación dixital das súas institucións” –apuntou–.

En canto á programación deste ano, Suárez destacou que, ademais das cuestións clásicas e imprescindibles —como o marco xurídico, a identidade e sinatura electrónicas, a sede, o rexistro ou a interoperabilidade—, incorpóranse asuntos de plena actualidade que están marcando a folla de ruta das administracións públicas en toda Europa, como o GovTech, da análise de datos masivos, da automatización robótica de procesos, da blockchain, e por suposto, da intelixencia artificial aplicada á administración pública. “Todos sabemos que a IA está a ocupar cada vez máis espazo no debate social, e tamén que non é unha moda, senón unha ferramenta que, utilizada con responsabilidade e dentro dun marco ético e legal sólido, pode axudar a mellorar servizos, a simplificar trámites e mesmo a anticipar necesidades. Galicia deu un paso pioneiro cunha lei específica para o desenvolvemento da intelixencia artificial, e resulta moi oportuno que o noso curso tamén recolla este tema para formar aos empregados públicos que, en definitiva, van ter que aplicala no día a día das súas institución”  –explicou–.

O presidente do CPEIG fixo unha reflexión sobre o papel da tecnoloxía “como un medio para mellorar a vida das persoas, facendo que a administración sexa máis próxima, máis transparente, máis accesible e máis eficiente”. Aproveitou para contar una anécdota dunha persoa maior que, grazas á Carpeta Cidadá, podía seguir as súas xestións sen ter que desprazarse, e que iso lle daba tranquilidade.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia da actualización permanente de coñecementos por parte do persoal empregado público nun escenario de cambios moi significativos, tanto nas relacións da cidadanía coa Administración como no propio traballo administrativo. Destacou que a Xunta ten en marcha o III Plan de Administración e Goberno Dixital e que está a aplicar un novo modelo de posto de traballo para o persoal empregado público. Entre as novidades, salientou os aspectos relacionados coa xestión dos datos, como a Citizen Data Hub ou as automatizacións de procesos. Citou tamén a evolución que está a experimentar a sede electrónica e o desenvolvemento da aplicación para móbiles XuntaEu. Julián Cerviño destacou que en 2024, a Xunta facilitou con cursos a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixital por parte das persoas de traballan na Administración. Lembrou tamén que en 2024, a Xunta puxo en marcha cerca de 120 accións formativas dirixidas a empregados públicos, con cerca de 4.000 horas de formación.

Pola súa parte, Sonia Rodríguez-Campos destacou que o curso, un dos máis demandados dos que oferta a EGAP, trata unha materia fundamental para o funcionamento áxil e eficiente das administracións co que se dotará ao persoal empregado público das ferramentas necesarias para salvagardar os datos persoais que se almacenan e se transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía. “Ao longo das próximas sete semanas de docencia impartirase nesta casa unha formación completa, actualizada e de calidade en materia de administración electrónica que lles permitirá mellorar as súas competencias dixitais e desenvolver con facilidade novos procedementos de traballo, o que contribuirá a consolidar unha Administración máis eficaz, eficiente, próxima, transparente e accesible” –indicou–.

Ademais, a directora da EGAP explicou que a administración electrónica é unha demanda desde o momento en que todos os cidadáns son potenciais usuarios dela directa ou directamente en calquera dos seus ámbitos, local, autonómico ou estatal e esixen uns servizos de calidade sen distinción do nivel administrativo. “Nun contexto cada vez máis dixital, a Administración pública non pode ser allea á demanda dunha sociedade que esixe a mesma inmediatez e dispoñibilidade que atopa noutros ámbitos da súa vida grazas á tecnoloxía” –argumentou–.

Presente e futuro da administración electrónica

Por outra parte, o curso foi aberto cunha lección maxistral a cargo de Miguel Ángel Amutio, colexiado de honra do CPEIG e director de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade na Axencia Estatal de Administración Dixital.. “Presente e futuro da Administración electrónica” foi o título escollido para a súa intervención.

Amutio explicou que tras dez anos coas leis 39/2015 e 40/2015 en activo, a dixitalización da Administración progresou notablemente en España, “fruto de un esfuerzo colectivo, multidisciplinar y sostenido en el tiempo”. Destacou que a confluencia de factores como a necesidade e demanda da sociedade, a xestión da pandemia, o impulso ao máis alto nivel, os recursos provenientes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o contexto europeo, a dispoñibilidade dun marco legal favorable, a traxectoria de realizacións,  así como o despregamento de infraestruturas, servizos e solucións fan da administración electrónica ou dixital unha realidade práctica, no contexto recente das orientacións establecidas na axenda España Dixital e no Plan de Dixitalización das administracións públicas 2021 – 2025. 

Amutio ofreceu unha perspectiva completa sobre os aspectos clave da transformación dixital da Administración, así como o estado actual da situación en termos de cara a onde nos diriximos, cara a onde nos leva a Unión Europea e como nos perciben desde fóra. “La digitalización requiere de un proceso de evolución continua en el tiempo a la luz de la experiencia acumulada, de las exigencias de la sociedad y las necesidades de la ciudadanía y las empresas, además de las oportunidades y desafíos que suponen las tendencias tecnológicas, como la inteligencia artificial, la ciberseguridad y el uso intensivo de datos públicos” –engadiu–.

Formación transversal

Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. Os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito. 

Os relatores do curso son o Letrado e Delegado de protección de datos do Consello Consultivo de Galicia, José Ángel Oreiro; a xefa do Departamento de Interoperabilidade e Servizos Dixitais da Amtega, Isabel Pillado; a subdirectora xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, Eva García; o socio-director P&S Abogados, Víctor Salgado; o responsable proxectos Sector Público en NTT Data, Marcos Ferrer; o xefe de proxecto no Sector Público en NTT Data, Iván López; o xefe da Subárea de Seguridade da Amtega, Gustavo Herva; o xefe de sección do Arquivo do Reino de Galicia, Gabriel Quiroga; a xefa do Servizo de Estratexia en Intelixencia Artificial, Innovación Administrativa e Publicacións Oficiais do Principado de Asturias, Carmen García; o presidente de Alastria e CEO de Add4u, Miguel Ángel Dominguez; a secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba; a auditora da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, Enriqueta Vía; e a analista da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, María Belén Bermúdez. 

A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que agradeceu aos relatores, que dispoñen dunha ampla experiencia e traxectoria nas súas respectivas áreas, a súa participación no programa. 

“Este curso conta cun elenco de docentes que non só teñen unha ampla traxectoria profesional, senón que ademais están directamente implicados na posta en marcha dos servizos e proxectos que logo vós, como usuarios ou responsables, atopades nas vosas organizacións. É un luxo poder aprender de persoas que coñecen a fondo tanto a teoría como a práctica, que traballan nas administracións e empresas que levan anos impulsando a dixitalización, e que veñen aquí a compartir esa experiencia con vós. Estou convencido de que as súas clases vos van abrir novas perspectivas e vos darán ferramentas moi útiles para o voso labor diario, asegurou.

Este curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos, desenvolverase do 9 de setembro ao 28 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 9, 16, 23 e 30 de setembro e 14 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación. A parte de teleformación e o exame final en liña desenvolverase a través da aula virtual da EGAP: https://egap.xunta.gal/aulavirtual.