Os profesionais poderán optar a condicións beneficiosas para realizar cursos da área das tecnoloxías e sistemas de información e dos recursos humanos para a xestión, avaliación e selección de perfís TIC
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Vitae asinan un convenio de colaboración para ofrecer cursos formativos da consultora aos colexiados e colexiadas do CPEIG. O acordo foi subscrito polo presidente do Colexio, Fernando Suárez, e o socio director de Vitae, Marcos Carbonell.
Este convenio establece e regula, para os cursos formativos, un acceso preferente con condicións económicas favorables para as persoas enxeñeiras en informática colexiadas no CPEIG. Deste xeito, Vitae realizará un desconto ao CPEIG en todos cursos en aberto que realice a consultora.
Vitae proporcionaralle ao CPEIG información da súa oferta formativa. E, pola súa parte, o CPEIG comprométese a difundir a información entre o seu corpo colexial.
Vitae é unha consultora galega de recursos humanos especializada en servizos de selección, formación e consultoría enfocados na área das tecnoloxías e sistemas de información e na área de RRHH. Vitae conta con ampla experiencia en formación e selección de perfís TIC.