Funciona como un cuestionario en liña que os profesores poderán activar á demanda en calquera momento do curso, de xeito puntual ou periódico, para testar o clima de convivencia ou detectar tensións
Está deseñado para ser utilizado nos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e en Secundaria, Bacharelato e FP
Os centros educativos galegos teñen á súa disposición desde fai unha semana o Termómetro Acoso Escolar, unha nova ferramenta que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a disposición do profesorado co fin de previr e actuar, dun xeito máis áxil e rápido ante unha situación de conflito. O CPEIG formou parte do grupo de traballo que elaborou a enquisa.
A aplicación informática está a disposición dos equipos directivos e dos profesores, para que poidan aplicar en calquera momento do curso, de xeito puntual ou periódico para testar o clima de convivencia en xeral, ou para detectar unha tensión concreta.
O Termómetro Acoso Escolar está configurado como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento no que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada nos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e en Secundaria, Bacharelato e FP.
Os docentes poderán activalo en calquera momento do curso, tanto nun aula concreta como en todo o centro, ante unha sospeita dunha posible conduta contraria á convivencia entre o alumnado. Isto permitiralles obter información individualizada e analizar a súa situación neste eido e, a partir dela, deseñar e aplicar as medidas máis axeitadas ás súas circunstancias.
Tras a decisión do profesor de activar o Termómetro, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.
No cuestionario inclúense preguntas orientadas a detectar posibles vítimas, posibles situacións de acoso nas que o alumnado é espectador ou posibles persoas acosadoras tanto fisicamente como a través de internet e as redes sociais. Esta posibilidade de aplicación a demanda permite que cada docente poida testar de maneira puntual ou periódica o clima relacional do grupo, identificando posibles conflitos, tensións ou situacións de risco relacionadas co acoso escolar ou a exclusión social.
Plataforma de datos
Ademais, todos os datos recollidos estarán integrados nunha plataforma centralizada xestionada pola propia Consellería de Educación, na que se garantirá a confidencialidade e anonimización da información individual.
Esta base de datos permitirá elaborar informes globais sobre o estado da convivencia escolar en Galicia, con posibilidade de análise desagregados por zonas xeográficas, por etapas educativas ou por centros específicos. Deste xeito, dispoñerase dunha visión integral e dinámica da situación, o que facilitará a planificación de estratexias de prevención, detección temperá e actuación fronte ao acoso escolar desde unha perspectiva tanto local como sistémica.