Pasar al contenido principal

Un estudante de Barreiros, Alejandro Paz, gaña o certame Argallando.gal cun modelo 3D dunha catedral clásica, de gran complexidade técnica e con moito detalle

Entrega dos premios Argallando.gal

Equipos das Aulas CeMIT de Ribeira, Cuntis, Fisterra e O Vicedo resultaron gañadores noutras categorías 

O concurso, que entregou hoxe os galardóns nun acto celebrado no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura en Santiago, foi convocado polo CPEIG e a Xunta no marco do programa “Tech Kids” para impulsar o talento dixital da rapazada

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta entregaron hoxe os premios da iniciativa Argallando.gal, enmarcada no programa “Tech Kids”, co obxecto de poñer en práctica o talento dixital da rapazada e a súa capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa. O acto celebrouse no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura, e os premios foron entregados polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle. Ao acto tamén asistiron os responsables e formadores do equipo de Argallando.gal, así como os estudantes premiados e os seus acompañantes.

Argallando.gal é unha iniciativa que desafía ao alumnado galego, a partir dos doce anos, a participar nun programa para argallar proxectos nos que a cultura, a tradición ou as lendas se fusionen coa tecnoloxía, a innovación e a creatividade (deseño e impresión 3D, programación, robótica educativa, drons, etc.). Con este espírito, Argallando.gal busca non só desenvolver competencias tecnolóxicas e dixitais, senón tamén fomentar o traballo en equipo, a curiosidade, a experimentación e a posta en valor da cultura galega dende unha perspectiva innovadora, subliñando especialmente o seu carácter interxeracional.

No marco do programa realizáronse 36 accións formativas, 33 nas aulas CeMIT participantes (Valga, Abegondo, Cuntis, A Bola, Barreiros, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Betanzos, Poio, O Vicedo e Leiro) e 3 na aula do Gaiás Tech, ás que asistiron máis dun centenar de estudantes e unha vintena de participantes interxeracioneis, entre pais, avós e profesorado.

O programa conclúe hoxe coa presentación dos 50 proxectos desenvoltos, que competiron por conseguir os diferentes premios nas categorías de  Xigante Argalleiro, Nubeiro Tech, E-Serea e Árbore Senlleira.

Equipos premiados:

•    Categoría Xigante Argalleiro (gañador global):
Alejandro Paz, da Aula CeMIT de Barreiros (Lugo). Presentou un modelo 3D de carácter técnico moi complexo e cun alto nivel de detalle: unha catedral clásica con torres, cúpulas e pórticos. Destacou polo uso das simetrías, a coherencia nas formas e a inspiración realista.

•    Categoría Nubeiro Tech:
Jheferson Abreu Pasín, da Aula CeMIT de Ribeira (A Coruña). Presentou o videoxogo “Camiñando a Santiago”, unha proposta que combina aventura gráfica e plataformas, con ilustracións propias, mapas e distintos niveis de xogo.

Lois Otero Rodríguez, da Aula CeMIT de Ribeira (A Coruña). Presentou un modelo 3D que replica a fachada frontal da Igrexa de Santa Uxía de Ribeira, cun deseño moi logrado e gran atención ao detalle.

Xenxo Lusquiños, da Aula CeMIT de Cuntis (Pontevedra). Presentou un traballo de modelado arquitectónico que reproduce, con alto nivel de detalle, un hórreo tradicional galego, mostrando ademais diferentes vistas e perspectivas.

•    Categoría E-Serea:
Maxiruráis, grupo adscrito á Aula CeMIT de Fisterra (A Coruña), pero formado por alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas (A Coruña). Participaron co proxecto “Namórate do Rural”, unha iniciativa moi interesante na que lograron implicar a toda a comunidade educativa para crear un repositorio de información sobre lendas, historias e tradicións do rural galego, publicado en distintas contornas web.

Os/as Vikingos/as de Vicedo, grupo participante nas formacións da Aula CeMIT de O Vicedo (Lugo). Presentaron un proxecto moi orixinal no que combinaron medios audiovisuais e robótica educativa para narrar unha historia sobre os Drakkars en San Román, o histórico asentamento vikingo da súa zona.

•    Categoría Árbore Senlleira:
O Cabazo da Memoria, grupo adscrito tamén á Aula CeMIT de Fisterra (A Coruña) e formado por alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas (A Coruña). Presentou CabazoTech, un proxecto sensacional que combina distintas tecnoloxías para crear unha obra íntegra destinada a visibilizar, recordar e reactivar o patrimonio visual colectivo vinculado ás tradicións, costumes e modos de vida do rural galego. Unha auténtica ponte interxeracional entre as xeracións pasadas, presentes e futuras. 

Todos os participantes dos equipos premiados recibiron de agasallo un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por uns auriculares sen fíos de diadema HQ; un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica; e unha cámara fotográfica instantánea.

O equipo gañador global "Xigante Argalleiro" recibiu un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por uns auriculares sen fíos de diadema HQ; un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica; unha cámara fotográfica instantánea; e un cheque por valor de 300 euros destinado á compra de bens ou servizos culturais, tecnolóxicos ou educativos.

Información da iniciativa: https://argallando.gal/