Pasar al contenido principal

Sen ética, a tecnoloxía desbórdase

18 anos CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fai 18 anos, un aniversario que simboliza a maioría de idade dunha profesión esencial para o desenvolvemento da sociedade dixital. Chegar aos dezaoito non significa deixar de crer, senón facelo con máis responsabilidade, porque a mellor maneira de imaxinar o futuro é crealo.

Para explicar realidades complexas, ás veces as mellores ferramentas son as fábulas. Disney soubo facelo como ninguén, e moitas das súas historias seguen sendo sorprendentemente actuais no contexto tecnolóxico. En A Bela e a Bestia, o medo xorde do descoñecemento; coa tecnoloxía ocorre algo semellante: cando se comprende, deixa de ser ameaza para converterse en oportunidade.

Unha das analoxías máis lúcidas do noso tempo aparece en Soul, inspirada no filósofo David Foster Wallace: dous peixes novos preguntándose que é a auga na que sempre viviron. Do mesmo xeito, moitos mozos viven inmersos no entorno dixital sen ser plenamente conscientes del: saben usar as ferramentas, pero non sempre comprenden os contidos nin os riscos. Aí reside unha responsabilidade clave da enxeñaría informática.

Na vida cotiá, os móbiles son a lámpada máxica de Aladdin: dispositivos capaces de conceder desexos con só pasar o dedo pola pantalla. Pero, como en todos os contos, a maxia require límites. A tecnoloxía debe ser ferramenta, non cadea. Outras historias advirten do perigo de perder o control. En O Aprendiz de Brujo, Mickey libera forzas que non sabe gobernar. Algo semellante ocorreu con grandes plataformas dixitais: innovacións brillantes que medraron máis rápido cas regras que debían ordenalas. A lección é clara: sen ética nin responsabilidade, a tecnoloxía pode desbordarse.

A intelixencia artificial tamén ten a súa fábula. Gepeto soñou con dar vida á madeira; hoxe soñamos con darlla ao silicio. O xogo de palabras é inevitable: Gepeto… GPT. Como Pinocho, a IA ás veces equivócase, atravesando ciclos de entusiasmo e desencanto —os coñecidos invernos da IA— ata madurar, seguindo o mesmo ciclo vital que describe O Rei León. Hai contos máis silenciosos pero profundamente actuais, como Wall-E, que lembra que a tecnoloxía ten impacto ambiental e que a ética dixital inclúe tamén a sostibilidade. En Hércules, a forza só se converte en virtude cando se controla: unha boa metáfora da ciberseguridade.

E, finalmente, Toy Story. Woody e Buzz non só representan tradición e innovación, senón cooperación. A enxeñaría informática tampouco existe illada: é transversal e dialoga co resto das profesións. Quizais por iso se falou dela como “a profesión máis sexy do mundo”: non por superficialidade, senón por usar capacidades extraordinarias ao servizo do ben común. Dezaoito anos despois, o Colexio segue mirando ao futuro. A tecnoloxía pode levarnos “até o infinito e máis alá”, pero o esencial continúa sendo ter os pés na terra e avanzar xuntos como comunidade profesional.