O CPEIG, en colaboración coas tres universidades galegas e o patrocinio de diversas empresas e entidades do sector TIC, celebrará o certame o venres, 6 de febreiro, na Facultade de Informática da UDC en horario de tarde
Os dous primeiros clasificados asistirán á Olimpíada Informática Española que se celebrará do 10 ao 12 de abril en Valladolid
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)–, celebrará a Olimpíada Informática Galega 2026 (OIG 2026) o vindeiro venres, 6 de febreiro.
A olimpíada celebrarase de xeito presencial na Facultade de Informática da Coruña da UDC, en horario de 15:30 a 20:30 horas, coa colaboración da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. A organización da OIG pechou a inscrición do certame con 33 participantes de dez centros escolares diferentes de Galicia. A axenda da xornada será a seguinte:
15:30 horas_ Recepción dos estudantes e acceso ás aulas.
16:00 horas_ Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada.
16:45 horas_ Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
17:00 horas_ Inicio da proba.
20:00 horas_ Fin da proba
20:15 horas_ Acto de clausura, incluíndo a resolución do xurado
Inscribíronse estudantes de entre 13 e 18 anos, naturais da Coruña (2 participantes), Sada (1), Oleiros (2), Ferrol (1), Santiago de Compostela (15), Ames (4), Teo (2), Rianxo (1), Vilagarcía de Arousa (1), Marín (1), O Porriño (1), Redondela (1) e O Barco de Valdeorras (1).
A fase internacional celebrarase en Uzbekistán do 9 ao 16 de agosto
A competición consistirá na resolución de entre seis ou oito problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 10 ao 12 de abril de 2026 na Escola de Enxeñaría en Informática da Universidade de Valladolid. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 9 ao 16 agosto en Uzbekistán.
A olimpíada está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC), Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, Emetel, Gadisa, Hijos de Rivera, Indra Group, NTT Data, PuntoGal. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.