O evento reunirá a máis 400 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de dar pulo á profesión de enxeñaría en informática
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 12 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. No marco desta gala entregaranse os Premios da Noite, con máis de media ducia de categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
As persoas, organismos e entidades distinguidas en 2025 foron: O primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia, Galnix; a enxeñeira informática Josefina Alonso, directora de Operacións do Digital Innovation Hub da Industria de Galicia; o doutor en Informática Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD); a Olimpiada Informática Española; o CTAG, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia; o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago polo seu Plan de Benestar Dixital; a compañía Accenture, pola súa participación no Programa Nacional de Algoritmos Verdes; a Consellería de Sanidade pola súa certificación no alto nivel do Esquema Nacional de Seguridade; o proxecto Neurocloud, da spin-off coruñesa Qubiotech; a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego na formación dos profesionais galegos a través do programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia; o enxeñeiro informático Santiago Noriega; a empresa Unisys; o proxecto QUORUM; e o catedrático emérito de Enxeñaría Química Juan Casares Long.
O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.