Pasar al contenido principal

A doutora en Informática Virginia Mato, codirectora da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo para impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, recibe o Premio Ada Byron do CPEIG

Virginia Mato, Premio Ada Byron A NOITE 2026

“Cando as mulleres non participamos nas carreiras TIC, o sector perde unha pluralidade de perspectivas esencial que empobrece a calidade da innovación”

A profesora da universidade coruñesa recollerá a distinción na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Ada Byron da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2026 á enxeñeira informática e doutora en Informática Virginia Mato. O CPEIG manifesta que Virginia Mato é unha enxeñeira que representa un “referente próximo e necesario”, cunha traxectoria que demostra que as mulleres poden alcanzar o éxito na enxeñaría, desmontando a idea de que a tecnoloxía é só cousa de home. “Con seu exemplo inspira a nenas e mozas, animando vocacións e mostrando ás familias que hai modelos a seguir. Premiala é un paso máis para desmitificar a profesión e fomentar unha sociedade máis diversa e inclusiva”, argumenta o Colexio.

Virginia Mato Abad (1982) é natural da Coruña, pero mudouse a Padrón sendo moi nena. É enxeñeira informática (2007) e doutora en Informática (2011) pola Universidade da Coruña (UDC). Segundo a súa experiencia docente, sinala que no ámbito académico pasouse dunha visión máis tradicional a un perfil moito máis transversal da informática, presente en todos os sectores, o que se reflicte tamén na formación con áreas nas que cada vez ten un maior peso específico a intelixencia artificial, a ciencia de datos ou a ciberseguridade. “Trasladamos ao estudantado unha maior conciencia do impacto real que ten a tecnoloxía na sociedade. Xa non se trata só de desenvolver ferramentas, senón de entender para que se utilizan e como inflúen en ámbitos tan diversos como a saúde, a educación ou a sustentabilidade”, indica. De cara ao futuro, Virginia Mato destaca que todo apunta a que a profesión evolucionará cara a perfís aínda máis interdisciplinarios, cunha combinación de competencias técnicas e habilidades como a adaptación, a creatividade ou a capacidade de análise. “A irrupción da intelixencia artificial xenerativa supón un reto que está transformando a forma na que se aprende e se traballa, obrigando a reformular metodoloxías docentes e a poñer máis énfase na comprensión, o pensamento crítico e o uso responsable destas ferramentas. É unha profesión en constante transformación e adaptación”, engade.

Máis alá da súa faceta académica, Virginia Mato destaca polo seu firme compromiso social, co dirixindo desde novembro de 2021 a Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business), unha cátedra interuniversitaria entre a UDC e a Universidade de Vigo (UVigo) que ten como obxectivo impulsar iniciativas que contribúan a dar visibilidade ás mulleres no mundo das TIC, promovendo vocacións tecnolóxicas e rompendo estereotipos de xénero para que nenas e nenos poidan decidir o seu futuro profesional con información veraz e obxectiva. “Non se trata dunha solución rápida, senón dunha carreira de fondo. Creo que se está a producir un cambio progresivo, xa que a percepción da tecnoloxía está evolucionando e a sociedade comeza a entender que o talento non ten xénero. Hai un interese real nas xeracións mozas e nas súas familias, pero debemos ser realistas. Requírese tempo, non basta con espertar a curiosidade hoxe. O desafío é que o interese se manteña e madure ata o momento en que as mozas deban elixir o seu futuro profesional. Non é un cambio instantáneo, pero os avances que observamos fan que sexa optimista”, asegura.

Durante estes anos, Virginia Mato explica que a Cátedra impulsou proxectos como o Barómetro de brecha de xénero BBG-TIC, un estudo pioneiro para medir e analizar a brecha de xénero nos estudos tecnolóxicos en Galicia, aportando datos esenciais para a toma de decisións institucionais. “A brecha de xénero nas TIC é un fenómeno complexo que non responde a unha única causa, senón á combinación de factores culturais, sociais e educativos que converxen en que a profesión de enxeñeiro ou enxeñeira informática sigue sendo, a día de hoxe, unha gran descoñecida, rodeada de estereotipos e percepcións afastadas da realidade. A miúdo, percíbese como unha disciplina puramente técnica, ignorando o seu profundo impacto social e a súa capacidade para mellorar a vida das persoas. Esta falta de referentes reais e próximos fai que moitas nenas non se proxecten neste campo, ao non atopar unha conexión entre a tecnoloxía e o seu desexo de contribuír á sociedade”, argumenta.

Os datos recollidos polo barómetro expresan que nos últimos cinco años a matriculación feminina en primeiro curso oscilou entre o 12 % e o 19 %, este último dato alcanzado no curso 2023/2024 sendo a maior matriculación feminina desde que se implantou o grao, aínda que a representatividade se eleva varios puntos se se inclúe ás alumnas matriculadas nos Graos de Ciencia e Enxeñaría de Datos e de Intelixencia Artificial. “O obxectivo é avanzar cara unha representación máis equilibrada, onde a presenza de mulleres nas titulacións TIC reflicta realmente o talento dispoñible na sociedade. É un proceso gradual, pero cada pequeno incremento xa é un paso na dirección correcta”, indica. 

Esta baixa representación feminina ten, segundo Virginia Mato, implicacións graves no mercado laboral: perda de talento e competitividade. “Cando as mulleres non participamos nas carreiras TIC, o sector perde unha pluralidade de perspectivas esencial que empobrece a calidade da innovación. Unha tecnoloxía avanzada nace de equipos diversos e representativos. Tamén se perpetúan os sesgos na tecnoloxía ao non responder ás necesidades de toda a sociedade. E, finalmente, unha brecha de oportunidades laborais e económicas, xa que lasas mulleres quedan desprazadas dun mercado laboral con alta demanda e excelentes proxeccións”, asegura.

Campamento de verán, referentes femininos nas TIC, certame audiovisual e premios ao talento

Dentro da Cátedra, Virginia Mato explica que se desenvolven outras iniciativas que abarcan distintas etapas, desde a infancia ata a universidade:

•    ALDABA TIC-Camp. Este verán celebrarase unha nova edición deste campamento tecnolóxico na Facultade de Informática da UDC e na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. Está dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e busca espertar vocacións desde idades temperás a través dun enfoque práctico e lúdico. Desde o seu inicio no verán de 2023, participaron máis de 300 menores, dos cales un 80 % foron nenas.

•    VisibilizaTIC. Programa orientado a estudantes de ESO e Bacharelato que busca achegar exemplos reais de mulleres profesionais do sector TIC aos centros educativos, proporcionando referentes femininos que inspiren ás adolescentes a elixir carreiras tecnolóxicas.

•    Vídeos pola igualdade nas TIC. Certame dirixido a estudantes de ESO para que, a través da creación de pezas audiovisuais breves, poidan reflexionar sobre estereotipos, acceso á tecnología e expectativas de futuro utilizando a súa propia linguaxe.

•    Premios ao talento. Iniciativa que busca recoñecer e dar visibilidade a proxectos universitarios (TFG ou TFM) que contribúen a reducir a brecha de xénero nas TIC, fomentando así a participación feminina e axudando a derribar barreiras no ámbito tecnolóxico.

O procesado de imaxe médica, o perfil investigador de Virginia Mato con amplo impacto científico

Virginia Mato exerce na actualidade como profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC. É coordinadora da Mención de Enxeñaría de Software do Grado en Enxeñaría Informática, tendo como principal responsabilidade académica a materia de segundo curso Proceso Software, orientada a proporcionar unha base sólida sobre as metodoloxías e técnicas que estruturan o ciclo de vida do desenrolo de software. “É fundamental que os e as futuras profesionais desenvolvan as habilidades necesarias para empatizar co cliente, captar as súas necesidades reais e aplicar técnicas que lles axuden a traducir as súas ideas en requisitos técnicos precisos”, explica Virginia Mato.

O perfil investigador de Virginia Mato destaca especialmente no ámbito do procesado de imaxe médica, un labor que iniciou no Centro IMEDIR (Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico) da UDC en 2006. A súa carreira levouna a formar parte do Laboratorio de Imaxe Médica da Fundación CIEN (Centro de Investigación de Enfermidades Neurolóxicas en Madrid), así como do Laboratorio de Análise de Imaxe Médica e Biometría da Universidad Rey Juan Carlos, tamén en Madrid. 

Durante esta etapa, desenvolveu unha intensa actividade investigadora participando en numerosos proxectos de I+D+i en colaboración con hospitais de referencia da Comunidade de Madrid co obxecto de proporcionar ferramentas tecnolóxicas que contribuísen ao diagnóstico precoz de enfermidades neurolóxicas e neurodexenerativas, como o Alzhéimer ou o Párkinson. 

Así mesmo, enriqueceu a súa experiencia en diversas estancias de investigación no Centre for Neuroimaging Sciences do King’s College London. Tralo seu regreso á Coruña en 2016, integra a súa actividade investigadora no Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) da UDC.

En canto ao impacto científico, Virginia Mato posúe unha traxectoria consolidada. As súas contribución vense reflectidas en numerosas publicacións en revistas de referencia. A súa capacidade de transferencia tecnolóxica é igualmente notable, tendo participado nunha ampla variedade de proxectos de I+D+i competitivos.

Virginia Mato recollerá a distinción na ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.