Pasar al contenido principal

O Día das Rapazas nas TIC reuniu a 300 estudantes de primaria e secundaria nunha xornada organizada polo CPEIG, o CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade

Día das Rapazas nas TIC 2026

Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “Unha tecnoloxía construída por persoas diversas é unha tecnoloxía mellor, máis xusta e máis útil para todos”

As tecnólogas Marta Castiñeira, Patricia González, Hilda Romero e Aránzazu Sucasas explicáronlle ao alumnado  de Monfero, Vigo, A Baña, Cangas, Pontevedra, Mos e Santiago as súas experiencias profesionais 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe, xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC),  e á Secretaria Xeral de Igualdade, a décimo cuarta edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day), actividade destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

O evento tivo lugar na sede do CESGA, e contou coa asistencia do director científico do CESGA, Lois Orosa, a directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. 

O presidente do Colexio explicou ao alumnado que a informática é a ferramenta máis poderosa que existe para transformar ideas en impacto real, creando solucións, contactando persoas, resolvendo problemas complexos e mesmo avanzando en ámbitos tan importantes como a saúde, a ciencia ou o medio ambiente, pero sempre con responsabilidade “porque cada vez que desenvolvemos tecnoloxía, estamos a influír no mundo no que vivimos”.

Fernando Suárez tamén aproveitou para contarlles aos estudantes unha historia relacionada coa misión Artemis II, facendo referencia á carreira espacial dos anos 60 cando, unha muller chamada Katherine Johnson, traballaba na NASA facendo cálculos. “Non era famosa, pero era a persoa que calculaba as traxectorias que permitían aos astronautas ir ao espazo e regresar con vida. Cando comezaron a usarse ordenadores nesas misións, pasou algo moi significativo. Antes de lanzar un astronauta, alguén dixo: Que Katherine revise os números. É dicir, no momento no que o mundo comezaba a confiar nas máquinas, a confianza final seguía estando nas persoas”, relatou. 

Trasladando a cuestión ao presente, o presidente destacou que hoxe sucede algo similar xa que, a pesar da intelixencia artificial, os sistemas autónomos ou a computación cuántica, detrás de toda esta  tecnoloxía hai persoas que deseñan, programan e revisan números. “A tecnoloxía non fai o futuro, senón que o futuro fano as persoas que crean a tecnoloxía. Precisamos máis persoas, máis talento e, sobre todo, máis diversidade no ámbito tecnolóxico. Unha tecnoloxía construída por persoas diversas é unha tecnoloxía mellor, máis xusta e máis útil para todos”, asegurou.

A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistiu nunha coloquio virtual aberto, que se retransmitiu en vivo a través de Internet, no que participaron catro profesionais galegas: Marta Castiñeira Reis, Patricia González Gómez, Hilda Romero Velo e Aránzazu Sucasas Hermida. As tecnólogas contaron, dun xeito ameno e detallado, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. 

Un grupo de 300 estudantes dos centros escolares CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, IES República Oriental do Uruguai de Vigo, CPI de San Vicente da Baña, CEIP P. San Roque de Darbo de Cangas do Morrazo, IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra e Colexio Los Sauces de Mos participaron na xornada virtual facéndolle preguntas e comentando dúbidas coas tecnólogas invitadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, unha corentena de estudantes do CEP Pío XII de Santiago fixeron unha visita guiada ás instalacións do CESGA para coñecer o superordenador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio.

Traxectoria profesional das catro tecnólogas do coloquio virtual aberto 

Marta Castiñeira Reis traballa no CESGA como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos no proxecto EDD-DATAlife. É doutora en Química Teórica e Modelización Molecular pola Universidade de Vigo (2019), unha área que utiliza métodos computacionais para estudar a estrutura, as propiedades e a reactividade das moléculas. Durante a súa tese de doutoramento e a súa etapa de posdoutoramento investigou procesos de catálise, é dicir, reaccións químicas aceleradas ou dirixidas por certas substancias para obter novos compostos de interese, incluídos posibles fármacos. Tamén traballou en astroquímica, estudando como se forman moléculas no espazo e que procesos químicos poden ter lugar en condicións extremas, como as do medio interestelar. Ao longo da súa carreira foi investigadora na Universidade de Groningen e na Universidade de Santiago de Compostela, e 2024 foi nomeada profesora axudante doutora na Universidade de Alcalá de Henares. O seu traballo combina química, física, informática e análise de datos para responder preguntas complexas sobre a materia, tanto na Terra como no universo.

Patricia González Gómez é catedrática e investigadora no Departamento de Enxeñaría de Computadores da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase na computación de alto rendemento, incluíndo o uso de supercomputadores, computación na nube (cloud) e análise de grandes volumes de datos (big data) para resolver problemas científicos complexos. Tamén traballa en áreas como a bioinformática e o desenvolvemento de métodos avanzados para acelerar cálculos e analizar gran-des cantidades de información. Coordinou o Máster en Computación de Alto Rendemento e ocupou varios postos directivos na Universidade da Coruña.

Hilda Romero Velo é investigadora no CITIC e candidata a doutora en Computación pola Universidade da Coruña (UDC). Con formación en Música e Informática, e experiencia como pianista e gaiteira, centra a súa investigación na Recuperación de Información Musical e na Etnomusicoloxía Computacional. Traballa especialmente coa música de tradición oral, como a galega e a irlandesa, empregando metodoloxías e algoritmos da informática e da bioinformática para analizar e comparar melodías co obxectivo de comprender as relacións entre diferentes tradicións musicais. Ade-mais, desenvolve ferramentas que apoian a aprendizaxe de partituras e sistemas capaces de buscalas a partir dunha cantaruxada ou da interpretación dunha melodía nun instrumento.

Aránzazu Sucasas Hermida traballa en Telefónica e actualmente é candidata a doutoramento na Universidade de Vigo (UVigo), onde desenvolve unha investigación centrada na segmentación de lesións mamarias en resonancia magnética para a detección precoz do cancro de mama. É licenciada en Enxeñaría de Telecomunicacións (Universidade de Vigo, 1998) e conta cun Máster en Enxeñería Biomédica e Saúde Dixital (Universidade de Sevilla, 2025). Na actualidade traballa en Optimización Radio en Telefónica Móviles, centrada na análise e mellora do rendemento das redes móbiles (5G, 4G e 3G) para garantir a calidade dos servizos de voz e datos. Anteriormente desenvolveu tarefas de planificación e deseño de redes móbiles, participando en proxectos nacionais como o deseño de sistemas de Tarificación Prepago, así como en proxectos internacionais como a implementación da Interface de Xestión da Rede Intelixente (Roma).