A pontevedresa traballou durante 25 anos como analista informática na compañía Denodo, nacida na Coruña e líder mundial en virtualización de datos, ademais de ser profesora na Universidade da Coruña
O viúvo, Marcos Gómez, recollerá o recoñecemento en nome da súa familia na celebración da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que terá lugar o 12 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Traxectoria Profesional da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ á doutora en Informática Paula Montoto, a título póstumo.
Paula Montoto Castelao (Pontevedra, 1977-2025) canalizou a súa formación profesional cara a informática, finalizando a carreira de Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña (UDC) no 2000, ano no que comezou a traballar xa de analista informática na empresa Denodo Techonologies –líder mundial en virtualización de datos, nacida como un proxecto de investigación na UDC–, compañía da que xa non se separaría no profesional participando desde practicamente a súa fundación ata chegar a internacionalizarse e converterse nun referente mundial.
Para honrar a súa traxectoria, a UDC e Denodo crearon este ano a Cátedra Denodo-UDC en Enxeñaría de Datos, IA e Innovación Tecnolóxica. A Cátedra establece o premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) en Informática con Aplicacións Empresariais, que nace como unha homenaxe duradeira a Paula Montoto, cuxa traxectoria de 25 anos en Denodo foi fundamental para o éxito da compañía. Como líder clave en I+D, reportando directamente ao CTO, a excelencia técnica de Paula estaba integrada no núcleo da Plataforma Denodo.
A profesional dispoñía do Diploma de Estudos Avanzados (DEA) do programa “Enxeñaría Telemática” en 2003 e era doutora en Informática desde 2011. Foi autora, xunto a outros compañeiros, de numerosos estudos e publicacións, participando en diversos proxectos e vinculándose á UDC como docente desde 2004, onde centrou a súa liña investigadora na automatización web, integración de información, sistemas mediadores, datos semi-estruturados, programas envoltorio, fontes web, xeración e mantemento automático.
Paula Montoto foi receptora de numerosas becas, como a de investigación concedida polo Ministerio de Educación y Cultura para o desenvolvemento do proxecto de investigación, titulado "Desenrolo de dúas técnicas de optimización paralelizador utilizando unha estrutura interna en C++"; e a beca de colaboración no Departamento de Electrónica e Sistemas da UDC.
Montoto foi membro da xunta directiva da Facultade de Informática e membro do consello do Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC desde 2004 ata 2025. Tamén formou parte da comisión de anteproxectos de enxeñaría informática da Facultade de Informática.
Segundo o CPEIG, o seu dobre rol como líder do sector empresarial tecnolóxico e profesora da UDC durante máis de dúas décadas, permitiulle a Paula Montoto mentorizar a máis de 20 graduados en enxeñaría informática, o que fixo que o seu impacto no sector tecnolóxico galego e internacional sexa incalculable.
Ademais do seu labor docente, Montoto impartiu numerosos cursos e charlas en diferentes centros de estudos de referencia e entidades privadas de diferentes ámbitos, como un curso no Máster en Telemática da Fundación Caixa Galicia e a UDC ou outro no marco do Programa de Formación para Profesionais da Sociedade dea Información (FORINTEL) organizado pola Fundación Universidade da Coruña.
Actuou tamén como revisora en numerosos congresos, como en diferentes edicións do Congreso Nacional de Xornadas de Enxeñaría Telemática (JITEL) celebrados en Vigo (2005), Málaga (2007), Alcalá de Henares (2008) e Santander (2011), ou no Congreso Internacional "Workshop on Agents and Multi-agent systems for Enterprise Integration", (ZOCO) en 2011 en Salamanca, ademais de ser membro do comité de programa neste evento internacional.
O seu viúvo, Marcos Gómez, recollerá o galardón en nome de Paula Montoto na ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.