A iniciativa público-privada promove a investigación, innovación e transferencia de coñecemento, difusión e divulgación da IA e os algoritmos verdes coa fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente
A súa directora, Verónica Bolón, doutora en Informática, recollerá o recoñecemento na celebración da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que terá lugar o 12 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
A súa directora, Verónica Bolón, doutora en Informática con dezasete anos de experiencia no campo da IA e profesora de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), explica que a Cátedra é un exemplo de proxecto de colaboración público-privada para o desenvolvemento de actividades en investigación, formación, transferencia de coñecemento e difusión e divulgación no campo da Intelixencia Artificial e os algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente. Este proxecto recibe financiamento do Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública do Goberno de España e do Grupo INDITEX.
Verónica Bolón indica que o desenvolvemento e despregamento da IA formula unha serie de ameazas medioambientais, derivadas das necesidades que en materia de emprego de recursos de diversa índole (computacionais, enerxéticos ou hídricos) ten esta tecnoloxía. “A IA Verde comprende o desenvolvemento de solucións de IA máis sostibles e responsables co medio ambiente”, destaca. Tamén sinala que a IA Verde resulta eficaz empregando un menor volume de recursos, mediante un deseño máis eficiente que minore as súas necesidades e, consecuentemente, o seu impacto medioambiental. Verónica Bolón apunta que este enfoque, denominado Green-in-AI, contempla o desenvolvemento de algoritmos verdes, funcionalmente operativos e capaces, pero cun menor consumo no seu desenvolvemento e execución. Por outra banda, a enxeñeira en Informática tamén sinala o enfoque da Green-by-AI, do que tamén se ocupa a Cátedra, xa que a IA e as tecnoloxías de análise de datos teñen a capacidade de acelerar a análise de grandes volumes de datos, permitindo entender mellor os desafíos medioambientais e achegar solucións.
Do mesmo xeito, Verónica Bolón aclara que a IA ten o potencial de reducir o consumo de enerxía e recursos, promovendo a descarbonización e dando pulo á economía circular. “O desenvolvemento de ferramentas e aplicacións de IA orientados a xerar un impacto positivo nestes ámbitos tamén entra no ámbito da IA Verde”, argumenta.
Investigación avanzada, formación, servizos para os sectores público e privado, aplicacións e proxectos de ciencia cidadá
A Cátedra leva en activo desde 2024, polo que xa está xerando un impacto na sociedade en diferentes ámbitos. Por exemplo, en investigación avanzada, reforza unha liña na que a Universidade da Coruña e o CITIC (Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación) presentaban unha traxectoria sólida e consolidada, producindo algoritmos de aplicación a diferentes sectores. “Esta traxectoria sitúa a UDC como unha entidade de referencia nesta área de coñecemento, na que o extenso background en investigación da IA xa era referencial”, sinala.
Tamén Bolón destaca que a Cátedra ten desenvolvido un completo programa formativo nesta temática, mediante o deseño e organización dun curso de Experto en IA Verde e varias microcredenciais que permitirán unha capacitación ou actualización profesional rápida de estudantes e profesionais do sector TIC. Ademais, a Cátedra tamén ofrece o seu coñecemento e servizos aos sectores público e privado, contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade empresarial en ámbitos de tanto interese como a dixitalización e a sustentabilidade; así como promover o desenvolvemento de aplicacións específicas e propiciar a incorporación dos seus resultados á solución de problemas reais en diferentes sectores.
Por outra parte, a súa directora explica que a través da Cátedra desenvólvense proxectos de ciencia cidadá sobre usos e percepción da IA e as súas implicacións medioambientais e grao de adopción. E, por suposto, a Cátedra ten unha intensa axenda de difusión, con ciclos de conferencias con figuras relevantes da academia e a industria nos que se desenvolven casos de deseño, aplicación e uso; e divulgación, coa participación en feiras temáticas para espallar a ciencia e a investigación na sociedade, contribuíndo á creación de vocacións, sinaladamente no ámbito das nenas e mulleres.
En canto aos proxectos da Cátedra, Bolón destaca varios como a organización do Iº Simposio en IA Verde, que se celebrou o pasado mes de novembro no CITIC da Coruña, onde se reuniron actores moi relevantes do ámbito científico e empresarial. Tamén foi relevante a participación da Cátedra no Grupo de Traballo que ten elaborado a Especificación UNE 0086:2025 sobre a medición do consumo enerxético, pegada de carbono, consumo de auga e rendemento de sistemas de Intelixencia Artificial. Outros proxectos relevantes nos que participou a Cátedra foron o piloto de aplicación de IA a eficiencia enerxética en edificios; aplicacións de IA de eficiencia en visualización por computador; colaboracións con universidades internacionais; aplicacións de IA Verde para a prestación de servizos públicos; ou a elaboración dun Libro Branco da IA Verde.
Excelencia científica do equipo de investigación da Cátedra
A Cátedra conta, para o desenvolvemento da súa actividade, cun equipo de investigación experto, de recoñecida excelencia científica, e caracterizado polo seu carácter multidisciplinar e paritario. O equipo acumula máis de 1 300 publicacións científicas (o 38,65 % en publicacións), preto de 15 000 citas e máis de 21 millóns de euros de financiamento competitivo captado (autonómico, nacional e internacional) en 78 proxectos como investigadores principais e de máis de 50 millóns de euros en 121 proxectos nos últimos 10 anos.
O equipo de investigación está integrado por figuras referenciais nas respectivas áreas de coñecemento e liñas de investigación presentes na Cátedra, que obtiveron importante recoñecemento a nivel global. Así, entre as persoas que integran o equipo hai beneficiarios de axudas ERC, Premios Nacionais de Investigación, Premios Nacionais de Informática, Premios ADA Byron, Asesoras da Axencia Europea de Medio Ambiente, etc.
Verónica Bolón recollerá o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.