O certame, organizado polo CPEIG e as tres universidades galegas, celebrouse en febreiro na Facultade de Informática da Coruña
Os gañadores participaron en abril, en Valladolid, na Olimpiada Informática Española, co terceiro posto para David Lago que competirá en agosto na olimpíada internacional de Uzbekistán
Fernando Suárez, presidente do Colexio:
“Galicia ten capacidade para competir ao máximo nivel tecnolóxico e debemos seguir xerando oportunidades para que os nosos mozos desenvolvan aquí o seu futuro profesional”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia celebraron esta tarde un encontro cos gañadores da Olimpíada Informática Galega (OIG) 2026, certame organizado polo CPEIG en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)–, que tivo lugar o pasado 7 de febreiro na Facultade de Informática da UDC.
A recepción, que se celebrou na sede da Consellería de Educación, contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; o profesor da Facultade de Informática da UDC e director do certame OIG 2026, Diego Seco; e os gañadores da OIG, David Lago e Nicolás Freiría.
Fernando Suárez indicou que o CPEIG quere poñer en valor o enorme talento que existe en Galicia no ámbito da informática e as tecnoloxías dixitais, “con mozo que representan non só a excelencia académica, senón tamén a capacidade de esforzo, creatividade e innovación que necesitamos como sociedade”.
O presidente do Colexio engadiu que a Olimpíada Informática Galega, organizada conxuntamente coas tres universidades galegas, é unha mostra da importancia de detectar e acompañar o talento desde idades temperás. “Galicia ten capacidade para competir ao máximo nivel tecnolóxico e debemos seguir xerando oportunidades para que os nosos mozos desenvolvan aquí o seu futuro profesional. Galicia ten talento tecnolóxico de primeiro nivel, a nosa responsabilidade é detectalo, impulsalo e ofrecerlle oportunidades para crecer aquí. Apostar por estes estudantes é apostar polo futuro de Galicia”, asegurou.
Tamén Suárez destacou que é fundamental impulsar vocacións STEM, especialmente en informática, porque é unha disciplina estratéxica para o desenvolvemento económico, a transformación dixital e a soberanía tecnolóxica.
O gañador da olimpíada autonómica, David Lago Alonso, estudante de 2° Bacharelato no IES Pedro Floriani de Redondela, foi o terceiro clasificado da Olimpiada Informática Española, celebrada do 10 ao 12 de abril na Escola de Enxeñaría Informática da Universidade de Valladolid, coa participación de 42 estudantes de todo o país seleccionados entre os mellores talentos en programación. David Lago conseguiu unha medalla de ouro na clasificación, polo que será un dos representantes de España na competición internacional que terá lugar do 9 ao 16 agosto en Uzbekistán.
O segundo clasificado na OIG 2026 foi Nicolás Freiría, estudante de 2° Bacharelato do IES Ribeira de Louro do Porriño. Participou na Olimpiada Informática Española e estivo preto das medallas alcanzando o posto 19 da clasificación e recibindo unha mención.