Pasar al contenido principal

O CPEIG súmase ao Día Mundial de Internet [17 de maio], que este ano centra os seus esforzos na sustentabilidade dixital para “consolidar unha contorna dixital sostible, segura e respectuosa coas persoas e o medio ambiente”

Día Mundial de Internet 2026

Estableceuse un manifesto con dez principios sobre a sustentabilidade ambiental, social e de gobernanza responsable

Fernando Suárez, presidente: 

“Galicia ten a capacidade de situase como unha contorna de confianza dixital. Precisamos a colaboración entre administracións, empresas, profesionais e cidadanía para construír un entorno dixital máis seguro, inclusivo e fiable”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebra o Día Mundial de Internet [domingo, 17 de maio, #diadeinternet], unha cita xa consolidada para resaltar a importancia das TIC e fomentar unha sociedade da información inclusiva. O tema central deste ano é a “Sustentabilidade na era dixital”, enfocado no uso responsable da tecnoloxía.

Nun mundo cada vez máis conectado, a tecnoloxía pode axudar a construír un futuro máis sostible. O CPEIG explica que a sustentabilidade dixital é o enfoque que orienta o deseño, o desenvolvemento e o uso das tecnoloxías dixitais para contribuír ao benestar das persoas, respectar os límites ambientais e xestionar de forma ética e responsable. “Non se trata unicamente de reducir o consumo enerxético dos dispositivos ou reciclar equipos electrónicos, senón tamén de sustentabilidade ambiental, polo consumo de enerxía dos centros de datos; social, cunha dixitalización inclusiva e centrada en todas as persoas, sen xerar desigualdades; e gobernanza responsable, respectando os valores democráticos e os dereitos fundamentais. Así, o Colexio destaca que o obxectivo é construír un entorno dixital máis verde, xusto e humano, onde a tecnoloxía contribúa ao benestar das persoas e o coidado do planeta.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que se está a entrar nunha fase de uso masivo de tecnoloxías, como a intelixencia artificial xenerativa. “Xa non falamos só de adopción ou innovación, senón de responsabilidade, control e confianza. É preciso consolidar unha transformación dixital que non só sexa rápida, senón tamén fiable, segura e centrada nas persoas”, explica.

O CPEIG insiste en que a transformación dixital non é unicamente un reto tecnolóxico, senón tamén  un reto social e profesional. “A transformación dixital non pode entenderse só como un proceso tecnolóxico, senón como un reto que esixe responsabilidade, coñecemento e compromiso co interese xeral”, apunta Suárez. Nesta liña, ten sentido reforzar o papel da enxeñaría en informática como garante de sistemas seguros, auditables e éticos, destacando que “sen profesionais cualificados detrás, a tecnoloxía perde fiabilidade”.

A confianza dixital é o eixo central, un concepto que segundo o CPEIG se constrúe  desde o deseño, incorporando seguridade, privacidade e transparencia en cada sistema desde a súa orixe, conectando con cuestións actuais como a ciberseguridade, a protección de datos ou os riscos asociados á IA. “O avance tecnolóxico debe ir acompañado dunha maior esixencia técnica e ética”, asegura Suárez.

O presidente do Colexio destaca que outro punto fundamental é reforzar a necesidade da cultura dixital na cidadanía, empresas e administracións. “O verdadeiro salto na actualidade non é só tecnolóxico, senón de capacidades para entender, usar e cuestionar a tecnoloxía”, sinala.

Tamén Fernando Suárez pon en valor o talento tecnolóxico e o ecosistema existente na comunidade galega. “Galicia ten a capacidade de situase como unha contorna de confianza dixital. Precisamos a colaboración entre administracións, empresas, profesionais e cidadanía para construír un entorno dixital máis seguro, inclusivo e fiable”, engade.

Decálogo para a sustentabilidade dixital 

O manifesto da “Sustentabilidade na era dixital”, impulsado polo Comité de impulso do #diadeinternet (do que forma parte o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática do que Fernando Suárez é presidente) busca establecer principios fundamentais para guiar o desenvolvemento e a implantación dunha nova xeración de Internet de maneira ética e respectuosa coas persoas.

Principios para una sustentabilidade ambiental do ecosistema dixital:

1. Empregar a tecnoloxía para o ben común: Promover solucións dixitais que contribúan ao benestar colectivo, fortalezan a cohesión social, impulsen o desenvolvemento sostible, fomenten a igualdade de oportunidades e reforcen a democracia. Aproveitar as capacidades da tecnoloxía para xerar impactos positivos noutras esferas económicas, sociais e ambientais, orientando a innovación cara á creación de valor público e cara á sustentabilidade dixital que sitúe as persoas e o planeta no centro da transformación tecnolóxica.

2. Minimizar o impacto ambiental da tecnoloxía. Promover infraestruturas enerxeticamente eficientes, centros de datos sostibles, deseño de software optimizado, dispositivos de baixo consumo e o uso de enerxías renovables en cada etapa da cadea tecnolóxica. Promover a medición, avaliación e visibilidade da pegada ambiental asociada ao uso e desenvolvemento de tecnoloxías dixitais mediante indicadores claros, comparables e verificables que melloren a toma de decisións, fomenten a transparencia e faciliten a responsabilidade en relación co impacto ambiental do ecosistema dixital. 

Garantir que as crecentes demandas de enerxía e materiais asociadas ao desenvolvemento e despregamento de novas tecnoloxías non contribúan a afondar as desigualdades estruturais nin xeren impactos negativos nos territorios e as comunidades, como o despoboamento ou a sobreexplotación dos recursos naturais. Unha sustentabilidade dixital eficaz debe promover un desenvolvemento tecnolóxico equilibrado e responsable que respecte as necesidades e os límites ambientais e sociais.

3. Promover unha economía circular na tecnoloxía: Fomentar o deseño responsable de dispositivos e servizos dixitais para reducir o consumo de recursos e minimizar a xeración de residuos ao longo de todo o seu ciclo de vida. Promover a durabilidade, a reparabilidade, a rehabilitación, a reutilización e a reciclaxe dos equipos tecnolóxicos, favorecendo modelos de produción e consumo que reduzan a presión sobre os recursos naturais e contribúan a un ecosistema dixital máis eficiente e sostible. 

Principios para unha sustentabilidade social e centrada nas persoas:

4. Protexer os dereitos dixitais da cidadanía: Promover a Carta dos Dereitos Dixitais garantindo a privacidade, a seguridade, a liberdade de expresión e a autonomía persoal no entorno dixital, considerando estes dereitos como extensións dos dereitos humanos e garantindo o seu cumprimento nun marco de sustentabilidade dixital.

5. Reducir a fenda dixital e promover a accesibilidade: Promover o acceso universal e asequible á conectividade e ás habilidades dixitais necesarias para participar plenamente na sociedade dixital, promovendo a accesibilidade dos servizos, equipos e aplicacións a través do deseño. A sustentabilidade dixital eficaz debe priorizar un acceso inclusivo que elimine as barreiras económicas, territoriais, culturais, físicas e educativas, garantindo que todas as persoas poidan acceder e usar as tecnoloxías na súa vida diaria, con especial atención aos grupos máis vulnerables, especialmente nenos, anciáns e persoas con discapacidade.

6. Garantir a ciberseguridade significa promover o desenvolvemento de todas as tecnoloxías, en particular as emerxentes como a intelixencia artificial (IA) e a Internet das Cousas (IoT), baseadas en criterios de sustentabilidade e seguridade, garantindo niveis axeitados de fiabilidade e confianza. A ciberseguridade debe integrarse en todas as fases do ciclo de vida dos produtos e servizos dixitais para protexer os cidadáns, as empresas, as administracións públicas e os seus datos.

7. Promover unha educación dixital sostible, consciente e crítica. Fomentar a alfabetización mediática e informacional que permita á cidadanía navegar polas contornas dixitais de forma segura, ética e responsable, promovendo prácticas sostibles que reduzan a pegada de carbono tanto no ámbito profesional como no persoal. Promover o uso responsable con especial atención á infancia, á adolescencia e aos grupos máis vulnerables.

Principios para unha gobernanza responsable e un desenvolvemento sostible do ecosistema dixital: 

8. Garantir a gobernanza, a transparencia e a responsabilidade: Establecer marcos de gobernanza dixital claros, accesibles e auditables que permitan comprender como funcionan os sistemas dixitais e determinar responsabilidades en toda a cadea de valor. Promover espazos de participación social que permitan avaliar e orientar o desenvolvemento de políticas e tecnoloxías, así como fomentar métricas que nos permitan comprender o estado e a evolución da sustentabilidade dixital e o seu impacto na vida real das persoas.

9. Gobernar a Intelixencia Artificial con Ética e Supervisión Humana: Deseñar, despregar e avaliar algoritmos e sistemas de intelixencia artificial segundo criterios de sustentabilidade, transparencia/explicabilidade, non discriminación, seguridade, robustez e control humano significativo. Dado o crecemento exponencial destas tecnoloxías e o seu alto consumo de recursos, é esencial promover políticas de eficiencia tanto no seu deseño como no seu uso.

10. Impulsar a interoperabilidade, a autonomía tecnolóxica e a responsabilidade corporativa. Apoiar estándares abertos, sistemas interoperables e tecnoloxías que fortalezan a autonomía dos individuos e das comunidades, evitando dependencias excesivas. Promover a autonomía tecnolóxica e o emprendemento para consolidar un tecido industrial único e sostible. A industria debe liderar o camiño en prácticas que combinen a eficiencia ambiental, o respecto polos dereitos dixitais e unha gobernanza transparente dos datos e a tecnoloxía, contribuíndo a un ecosistema dixital sostible con alto valor social.

CONCLUSIÓN 

A sustentabilidade na era dixital non é unha opción, senón unha necesidade que debe abordarse mediante a responsabilidade compartida. Construír unha internet máis verde, xusta e humana require a colaboración activa de todos os actores sociais e unha visión que combine innovación, ética e compromiso co planeta e coas persoas. Neste Día Mundial de Internet, reafírmase o propósito compartido: avanzar cara á sustentabilidade dixital que permita consolidar unha contorna dixital sostible, segura e respectuosa coas persoas, no que a tecnoloxía sirva verdadeiramente á sociedade e ao ben común.