O mozo, que iniciará este curso un dobre grao de Matemáticas e Enxeñaría Física na Universidade Politécnica de Cataluña, enfrontouse a máis de 370 estudantes de 97 países diferentes
“Foi unha semana na que te xuntas con xente de todo o mundo con intereses parecidos aos teus, fas moitos amigos e desfrutas dun tempo nun país novo”
David Lago Alonso, gañador da Olimpíada Informática Galega 2026, celebrada na Coruña en febreiro, e terceiro clasificado da Olimpíada Informática Española, celebrada en abril en Valladolid, foi un dos representantes da delegación española na 38º Olimpíada Informática Internacional (IOI 2026) que se celebrou entre o 9 e o 16 de agosto na cidade de Taskent, en Uzbekistán. David, que estudou o pasado curso 2° Bacharelato no IES Pedro Floriani de Redondela, conseguiu unha medalla de prata na competición de informática máis prestixiosa do mundo para estudantes de secundaria e bacharelato, na que participaron 375 estudantes de 97 países diferentes. En total, a delegación española acadou na competición unha prata, dous bronces e unha mención de honra.
“A experiencia foi moi boa, paseino moi ben e coñecín a moita xente. Foi inesquecible e alégrame moito poder tela vivido outra vez, ao igual que o ano pasado en La Paz, en Bolivia, onde conseguín outra medalla de prata. Foi unha semana na que te xuntas con xente de todo o mundo con intereses parecidos aos teus, fas moitos amigos e desfrutas dun tempo nun país novo”, confesa David. Tamén explica que durante a competición, de 10 horas en total durante dous días, desfrutou resolvendo problemas de informática, obrigándose a poñerse a proba e a dar o mellor de si mesmo. Sobre el resultado, o mozo destaca que está moi contento xa que ao final logrou repetir a posición do ano pasado, despois dunha primeira xornada que lle saíu un pouco regular.
En canto ao seu futuro académico, David Lago iniciará este curso 2026-2027 a universidade, un momento vital polo que confesa estar bastante emocionado e con ganas de comezar esta nova etapa, aínda que tamén con morriña pola fin deste verán tan especial. “Vou estudar en Cataluña, xa que fun seleccionador polo Centro de Formación Interdisciplinaria Superior (CFIC) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) para facer o dobre grao de Matemáticas e Enxeñaría Física. Teño moitas ganas de comezar, xa que o centro ten bastante prestixio, e espero non levar moi mal o tema do catalán”, explica.
Medalla de ouro na Olimpíada Iberoamericana de Informática
Por outra parte, David Lago tamén participou este ano na Olimpíada Iberoamericana de Informática, que se celebrou de forma virtual o pasado 20 de xuño organizada por Cuba. Conseguiu unha merecida medalla de ouro, é dicir, o segundo posto na clasificación xeral da competición. En total, a delegación española sumou tres medallas de ouro, sete de prata e tres mencións de honra.
A Olimpíada Informática Galega (OIG) 2026 celebrouse o pasado mes de febreiro na Facultade de Informática da Coruña, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– e o apoio institucional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.