O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anuncia a súa adhesión oficial á campaña de UNICEF denominada «#AlgoritmoSeguroYa: La Lección», unha iniciativa orientada a concienciar e mobilizar á sociedade e ao sector tecnolóxico sobre o impacto que o deseño dos algoritmos das redes sociais ten no benestar emocional e a saúde mental dos nenos, nenas e adolescentes.
Baixo o título «La Lección», a campaña busca visibilizar como os algoritmos que rexen as plataformas dixitais replican de maneira sistemática e repetitiva determinados contidos que poden alterar a percepción e a autoestima dos máis mozos. En España, onde o 92,5 % dos adolescentes utiliza polo menos unha rede social e máis do 5 % presenta un uso problemático asociado a niveis elevados de ansiedade e baixa autoestima, a proposta pretende instar á industria a desenvolver modelos algorítmicos éticos, seguros e responsables. A acción utiliza de forma simbólica un plotter analóxico conectado á recollida de sinaturas que redacta mecanicamente a frase «No volveré a dañar la salud mental de la infancia» por cada apoio recibido, emulando o proceso de aprendizaxe por repetición.
A esta iniciativa impulsada por UNICEF España súmanse diversas entidades e organización comprometidas cos dereitos da infancia e o uso responsable da tecnoloxía. Coa incorporación do CPEIG, a profesión informática galega reafirma o seu compromiso coa ética tecnolóxica, o desenvolvemento de sistemas respectuosos coas persoas e a protección dos menores na contorna dixital, do mesmo xeito que se fixo coa publicación de UNICEF, CCII, Red.es e a Universidade de Santiago do informe 'Infancia, adolescencia y bienestar digital'. Todas aquelas persoas que desexen apoiar a campaña e impulsar un deseño algorítmico seguro poden rexistrar a súa sinatura a través da páxina habilitada para a corporación en https://firmas.unicef.es/algoritmoseguroya