Fernando Suárez, presidente: “Se nos interesa unha oferta que atopamos coa axuda da IA, paga a pena abrir a ficha do produto na propia tenda. Aí podemos comprobar se é o modelo que buscamos, quen o vende e canto nos vai custar co envío incluído”
Xa chega a época por excelencia das compras online e con ela o aumentos das ciberestafas. No Black Friday (“Venres negro”), que se celebra este ano o venres, 27 de novembro, e o seu complemento cibernético, o “Ciberluns”, que terá lugar o luns 30 de novembro, coñecido internacionalmente como Cyber Monday e dedicado ás compras por internet, as ciberestafas incrementaranse se cabe aínda máis ao aumentar o consumo como anticipo da campaña do Nadal. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) alerta dan posibles ciberestafas que poden xurdir nesta época na que os consumidores utilizan xa ferramentas de intelixencia artificial para as súas compras de Black Friday.
O presidente do CPEIG aconsella comprobar na tenda as ofertas que recomenda a IA, xa que os asistentes de intelixencia artificial permiten describir o que se busca, comparar produtos nunha conversa e acceder a ligazóns de compra, pero os prezos e a dispoñibilidade que amosan poden estar desactualizados. ““Se nos interesa unha oferta que atopamos coa axuda da IA, paga a pena abrir a ficha do produto na propia tenda. Aí podemos comprobar se é o modelo que buscamos, quen o vende e canto nos vai custar co envío incluído”, aclara.
Tamén Suárez recomenda verificar as promocións nas canles oficiais, posto que un vídeo manipulado con IA pode facer que unha persoa coñecida pareza recomendar unha oferta. Explica que é preciso buscar a promoción na web ou na aplicación oficial da marca. “Se a tenda che resulta descoñecida, revisa os seus datos de contacto e consulta opinións en varias fontes”, advirte.
Á hora de mercar online, Fernando Suárez aconsella as tarxetas virtuais dun só uso ou con límite de gasto, xa que ofrecen protección adicional fronte a outras formas de pago. “Se se realiza unha compra fraudulenta coa tarxeta de crédito, é moi probable que o banco faga o reembolso inmediatamente. Pero se un delincuente rouba os datos dunha tarxeta de débito, pode baleirar a conta persoal e posiblemente será máis difícil recuperar o diñeiro”, destaca o presidente.
En canto ás redes sociais, como Facebook e X, as preferidas para publicacións maliciosas dos ciberdelincuentes, Suárez advirte aos usuarios que deben ser aínda máis desconfiados, xa que nestas aplicacións é, a miúdo, máis difícil determinar se un enlace é malicioso. Ademais, sinala que é aconsellable evitar a Wi-Fi pública para facer compras online. Explica que a Wi-Fi pública non require autenticación para establecer unha conexión de rede, o que permite aos estafadores acceder directamente a calquera dispositivo non seguro, permitindo aos hackers roubar información valiosa, como contrasinais de acceso, datos de tarxetas de crédito e outros detalles persoais e financeiros.
O CPEIG recomenda ter en conta algúns novos riscos e boas prácticas asociadas ao uso da intelixencia artificial:
1. Descontos “demasiado reais”
A IA xenerativa permite crear páxinas web, logotipos e anuncios falsificados cunha aparencia profesional case idéntica á das marcas auténticas. Verifica sempre a dirección web antes de comprar e non accedas a ofertas desde enlaces recibidos por correo, mensaxería ou redes sociais.
2. Influencers e vídeos falsos (deepfakes)
Cada vez circulan máis vídeos manipulados con IA onde figuras coñecidas recomendan produtos ou tendas fraudulentas. Non confíes en contidos virais senón proceden das canles oficiais das marcas ou persoas implicadas.
3. Chatbots que suplantan tendas
Algúns fraudes xa utilizan asistentes virtuais xerados con IA que se fan pasar por atención ao cliente para solicitar datos persoais ou bancarios. Lembra que ningún servizo lexítimo che pedirá contrasinais ou números de tarxeta a través dun chat.
4. Correos e mensaxes creadas por IA
O phishing tradicional sofisticouse. A IA permite redactar mensaxes sen erros gramaticais nin sinais evidentes de engano, adaptados mesmo ao teu idioma e estilo. Antes de responder ou pulsar unha ligazón, verifica a dirección do remitente e contrasta a información coa web oficial.
5. Falsas reseñas e comparadores automáticos
Os sistemas xenerativos úsanse tamén para publicar reseñas falsas ou clasificacións manipuladas en tendas online e foros. Desconfía dos comentarios excesivamente positivos ou repetitivos e consulta varias fontes antes de decidirte por unha compra.
6. Imaxes de produtos xeradas por IA
Algunhas páxinas fraudulentas mostran imaxes que non corresponden a produtos reais, creadas mediante IA para simular stock ou exclusividade. Se ves fotografías perfectas ou pouco naturais, busca o mesmo artigo noutros portais ou usa ferramentas de busca inversa de imaxes.
7. Ofertas personalizadas grazas aos teus propios datos
A IA pode analizar información dispoñible en redes sociais para crear mensaxes ou anuncios adaptados aos teus intereses, o que aumenta o seu poder de persuasión. Mantén o teu perfil privado e evita publicar datos sobre os teus hábitos de compra ou os teus métodos de pago.
8. Verifica sempre a fonte antes de compartir
O contido xerado por IA difúndese con gran velocidade, especialmente en redes. Antes de reenviar unha oferta ou alerta, comproba a súa orixe. Compartir información falsa pode contribuír involuntariamente á propagación do fraude.