Pasar al contenido principal

O presidente do CPEIG e do Consejo General de Ingeniería Informática, Fernando Suárez, finalista dos IT Professionalism Europe Awards 2026

Fernando Suárez

Está nomeado na categoría European IT Professional of the Year pola súa traxectoria directiva, o seu liderado institucional e o seu labor en favor da regulación e as boas prácticas na enxeñaría informática

A entrega de galardóns do Consello Europeo de Sociedades Profesionais de Informática celebrarase o 3 de decembro en Berlín

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e do Consejo General de Ingeniería Informática (CCII), Fernando Suárez, é finalista na primeira edición dos IT Professionalism Europe Awards 2026, convocados polo Consello Europeo de Sociedades Profesionais de Informática (CEPIS). Estes galardóns internacionais recoñecen a excelencia, o liderado e as contribucións de maior impacto ao desenvolvemento e a ética da profesión informática a nivel continental.

Fernando Suárez é finalista na categoría European IT Professional of the Year pola súa traxectoria directiva, o seu liderado institucional e o seu labor en favor da regulación e as boas prácticas na enxeñaría informática. Suárez agradece a CEPIS e ao CCII, con quen 
comparte desde fai anos o compromiso de impulsar a profesión, o seu recoñecemento e a súa contribución á sociedade. “Máis alá dos recoñecementos individuais, creo que o verdadeiramente importante é seguir poñendo en valor unha profesión cada vez máis decisiva para o futuro de Europa”, explica.

Tamén son candidatos Karina Gibert, vicepresidenta segunda do CCII, na categoría European Female Pioneer IT Professional of the Year pola súa contribución ao ámbito da intelixencia artificial, a transferencia de coñecemento e o impulso do talento feminino na tecnoloxía; e David Fernández Sancho, colexiado no Colegio Oficial de Enxeñería en Informática do Principado de Asturias que opta ao galardón European Young IT Professional of the Year pola súa proxección e innovación no sector. Con estes nomeamentos, Suárez sinala que se reafirma o prestixio e a visibilidade do talento e a calidade da enxeñaría informática española no marco europeo. “É unha satisfacción aínda maior compartir este recoñecemento con Karina Gibert e David Fernández Sancho, dous excelentes profesionais que representan, xunto con tantos outros compañeiros e compañeiras, o talento da enxeñaría informática española”, apunta. 

A resolución dos premios e a entrega dos recoñecementos terá lugar o 3 de decembro en Berlín no marco da 3ª Conferencia Internacional sobre Competencias Dixitais, Profesionalismo en TI e Educación en Informática, coñecida como Skill[set] 2026, onde se darán cita os principais representantes do sector informático europeo para debater sobre o futuro das competencias dixitais.