Pasar al contenido principal

A crise económica fai que a Unión Europea se formule introducir máis regulación

O presidente de Francia Nicolas Sarkozy

Os Xefes de Estado ou de Goberno da UE acordaron nunha reunión extraordinaria celebrada hoxe, os principios que o seu presidente actual, Nicolás Sarkozy, defenderá no cumio mundial do G-20, o 15 de novembro próximo en Washington. Ademais o Consello Europeo aprobou pedir a Comisión Europea (CE), a elaboración dunha estratexia europea para relanzar o crecemento na UE.

O presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, felicitouse polo acordo "coordinado e forte de toda a UE, en busca dunha solución á crerise financeira, que afecta a todos, para tratar de volver canto antes á estabilidade, á liquidez do sistema financeiro e a un aumento do crédito empresas e familias".

O Consello Europeo aprobou un documento de cinco páxinas que reúne os principios que na súa opinión estiman debe ser a base da reforma do sistema financeiro internacional, baseado nun reforzamento da regulación e a supervisión, "ningunha institución, ningún segmento do mercado non debe escapar á regulación ou a supervisión", din os Veintisiete xa nas primeiras liñas do documento. Non obstante na reunión de onte os países mais liberais introduciron unha nota liberalizadora, ao incluír que "esta regulación debe ser proporcionada e axeitada", o que non existía nos borradores anteriores.

"Todos os actores financeiros de certa importancia, como as axencias de cualificación crediticia ou os fondos de efecto panca, deberán estar sometidos ás regras ou polo menos á vixilancia, en calquera territorio no que interveñan", di o acordo final. Na súa última versión, engádese unha referencia aos paraísos fiscais, que non colaboren de xeito eficaz na loita contra branqueo de diñeiro. Así os Veintisiete deciden que tomarán todas as medidas, a nivel nacional e internacional, para protexer o sistema financeiro internacional, contra eses centros non cooperativos".

Tamén se refiren á "harmonización das normas prudenciais da banca, sen que iso afecte á estabilidade financeira internacional". O novo capitalismo mundial deberá basearse na transparencia e a responsabilidade, nas operacións financeiras, grazas a un sistema de información mais completo, non deixando sen control, nin verificación, a actividade financeira. Haberá que revisar tamén, os dispositivos que incitan a unha toma de risco excesivo e evitar unha concentración esaxerada no curto prazo e favorecer máis os imperativos a longo prazo, sobre todo na remuneración dos operadores de mercado.

A UE pide tamén unha comprensión global dos riscos, para mellor prever as crises, o que debería levar a unha coordinación da supervisón dos grupos financeiros internacionais grazas a colexios de supervisores. Por outro lado deberase reforzar a vixilancia multilateral para prever e controlar os desequilibrios mundiais.

Finalmente os Xefes de estado ou de Goberno da UE desexan que se confíe ao Fondo Monetario Internacional (FMI), un papel central na reforma. Isto esixirá renovar os mecanismos de intervención do FMI para que poida actuar de xeito preventivo.

O cumio de Washington debe aprobar un plan de traballo preciso, que permita lograr avances regulares e rápidos cara á reforma do sistema financeiro intencional. Ademais, o Consello Europeo fixa un prazo de 100 días para que se poñan en marcha estes principios, se presenten propostas concretas e operativas sobre os asuntos identificados como prioritarios e se defina un método de traballo, para levar adiante esta reforma.