Pasar al contenido principal

«Estamos en inferioridade de condicións respecto a calquera outra profesión»

Fernando Suarez. Presidente CPEIG.

Máis de 4.000 enxeñeiros informáticos galegos saíron o mércores á rúa para pedir que se regulen legalmente as súas competencias, para poder estar na mesma situación que outras enxeñarías. Para Fernando Suárez Lorenzo (Ferrol, 1973), o panorama actual é malo, pero aínda pode ser peor cando se comece a adaptación ao novo espazo europeo de ensino superior.

-¿Cando comezou realmente este problema?

-Pois dende que comezou a impartirse esta titulación. Hai unha lei moi antiga que rexe as regulacións das profesións. A devandita lei tíñase que modificar para incluír os enxeñeiros informáticos, pero, hoxe por hoxe, aínda non se fixo, e estamos en inferioridade de condicións con calquera outra profesión. Non hai ningunha norma que limite o acceso de calquera a un traballo de enxeñeiro informático.

-¿Que é o que piden?

-O que reclamamos é que se regule legalmente a nosa profesión, xa que hai certos campos da informática que teñen que ser desenvolvidos por enxeñeiros informáticos. É dicir, entendemos que hai varios campos que deben limitarse aos enxeñeiros informáticos. Isto non quere dicir que non haxa campos para outros enxeñeiros, pero queremos restrinxir o noso sector. Non é unha decisión egoísta, senón que intentamos acabar cos fallos informáticos.

-¿De quen depende a solución do problema?

-Aquí está o problema, e é que hai moitos actores implicados, e uns se pasan a pelota a outros. Dende a parte académica, o director xeral de Universidades entende a problemática e está a forzar unha saída a esta situación, pero é que, ademais do Ministerio de Educación e Ciencia, están implicados o de Industria e o de Economía, e este último é o que rexe a regulación das profesións.

-¿A adaptación ao proceso de Bolonia agravará aínda máis a situación?

-Si, porque, como é unha titulación que non está regulada, cada universidade pode decidir establecer uns estudos
informáticos en función das súas necesidades, co que se creará unha maior confusión, e a enxeñaría informática como tal non vai ter sentido, vai desaparecer. Co acordo de Bolonia o tempo corre na nosa contra, e consideramos que xa se rematou o tempo do diálogo, hai que conseguir compromisos concretos xa.