Ante a polémica xurdida polas causas que puideron propiciar o desgraciado falecemento de María del Rosario Peso, presuntamente asasinada polo seu compañeiro Maximino Couto, cando este estaba sometido ao réxime de vixilancia de maltratadores mediante pulseiras electrónicas, o Consello de Colexios Profesionais de Enxeñeiros en Informática, en representación dos diferentes colexios profesionais de ámbito autonómico:
-
Lamenta profundamente o suceso acontecido, e por esta razón quere contribuír ao seu fin social, achegando todos os recursos humanos e coñecementos técnicos cos que conta, que axuden a determinar as causas reais que motivaron o fallo do sistema de vixilancia, e polo tanto a dirimir responsabilidades, contribuíndo con iso a corrixir os posibles fallos de forma inmediata, e evitar que nun futuro se volvan producir feitos tan luctuosos e que xeran unha enorme alarma social.
-
Por ese motivo, pon disposición daquelas partes interesadas aos seus Corpos Oficiais de Peritos Informáticos, os únicos legalmente habilitados para realizar unha peritaxe formal sobre a materia, coa finalidade de establecer se realmente se produciu un fallo no sistema informático e, no seu caso, as súas causas.
-
Baixo ningún concepto, tolerará que a depuración de responsabilidades derivada dos acontecementos remate nun fallo do sistema informático que satisfaga a todas as partes, máxime cando dende os diferentes Gobernos habidos ata a data se puxeron trabas constantes á regulación da actividade profesional de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática e, polo tanto, á fiabilidade e seguridade de sistemas informáticos tan críticos para a sociedade e que, desgraciadamente, resultaron neste tráxico acontecemento.
-
Con ese mesmo pretexto, denunciará publicamente aqueles fallos informáticos que poidan comprometer o interese xeral, e o seu uso como elemento exculpatorio de responsabilidades políticas, ante a pasividade dos diferentes Gobernos para establecer un marco regulador da informática que garanta a seguridade da cidadanía, apoiada fundamentalmente nun exercicio responsable.