Pasar al contenido principal

O Partido Popular formula no Congreso a creación dun Premio Nacional do Blog

O Partido Popular quere recoñecer a importancia de Internet "como un novo espazo de creación" e, para iso, rexistrou o pasado 26 de decembro no Congreso unha Proposición non de Lei para que o Goberno estableza, a través do Ministerio de Cultura, un Premio Nacional do Blog.

"Internet está a dar forma a unha nova cultura dixital que esixe que paulatinamente vaia recoñecéndose como un espazo innovador de creación e comunicación", argumenta no seu escrito á Mesa do Congreso o Grupo Parlamentario Popular.

Agora é este organismo parlamentario o que deberá decidir se admite ou non a proposta que, segundo a solicitude 'popular', debería debaterse na Comisión de Cultura.

Deste modo, o PP, que xa anunciou unha renovación da súa páxina web para potenciar a participación dos cidadáns, pretende destacar o "enorme impacto económico" e o "extraordinario influxo social" da Rede. Así mesmo, espera que con esta iniciativa se facilite a "comprensión deste novo modelo cultural".

No seu razoamento, márcase como obxectivo deste galardón o recoñecemento do valor creativo a obras que a través de Internet constitúan "a expresión xenuína dunha dimensión cultural propia" a través de "elementos totalmente orixinais" e exclusivos da Rede.

Por outra banda, os 'populares' aseguran que cun recoñecemento oficial aos blogs mellorarían as oportunidades de "comunicar a existencia deste magma creativo", ademais de resultar "un incentivo" para que os cidadáns incrementen o seu consumo "desta forma de cultura dixital" de xeito activo.

Na actualidade o maior recoñecemento que pode obter un bloguero son os premios BOBs (The Best of the Blogs), organizados por Deutsche Welle e os máximos galardóns da cal foi este ano para a cubana Yoani Sánchez, de modo que de saír adiante esta proposta, suporía a creación do primeiro premio para blogs asociado a un organismo oficial en todo o mundo.