Pasar al contenido principal

Representantes do CPEIG e CPETIG mantiveron unha xuntanza en Santiago co líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo

Alberto Nuñez Feijóo

O pasado martes, 11 de febreiro, representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e do Colexio  Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) mantiveron unha xuntanza en Santiago co líder do PPdeG,  Alberto Núñez Feijóo. O Obxectivo deste contro foi trasladarlle as súas demandas en relación á situación de desregularización na que se atopan tanto os estudos como a profesión que representan os dous colexios.

Os colexios trasladáronlle a Feijóo a necesidade de que a profesión de Enxeñaría/Enxeñaría Técnica en Informática quede regulada para que a lei obrigue a unha responsabilidade profesional que na actualidade non existe, "co obxecto de ofrecer un servizo e unha garantía á sociedade, ademais de protexer a cidadanía dos fallos informáticos neglixentes". O reforzo da Enxeñaría Informática redundará, en último termo, no "progreso e competitividade de Galicia e de España", aseguráronlle ao político.

Entre os temas tratados na reunión atopánse os seguintes:

  • Os estudos sen fichas: cómpre lembrar que no mes de decembro do ano pasado o Goberno aprobou as fichas que regulan os estudos de certas enxeñarías e enxeñarías técnicas, sen contar coa Informática. Este feito significa un desprestixio que, en consonancia coa opinión dos dous colexios, suporá "a desmotivación dos potenciais estudantes de Informática e abrirá o camiño cara á disgregación do título en infinidade de títulos sen estrutura ou troncalidade mínima común entre universidades".

  • A creación do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática. O devandito Consello é unha reclamación compartida polos máis de vinte colexios autonómicos de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática existentes en España.

  • Situación actual da función pública na Xunta de Galicia.

Asistiron á xuntanza por parte do CPEIG: Fernando Suárez Lorenzo, presidente; Hernán Vila Pérez, vicepresidente; Xosé Antón Campos Silva, vicetesoureiro; e Eva Marcos Doldán, vogal. Como representantes do CPETIG acudiron Carlos Vázquez Suárez, vicetesoureiro, e Miguel Abad González, vogal.

Está prevista unha xuntanza co BNG na vindeira semana e pendente o encontro co PSdeG.