Pasar al contenido principal

Que pasa coa informática?

Pluma

Tocounos vivir nunha sociedade que cambia a un ritmo vertixinoso. As transformacións son tan rápidas que, en moitos aspectos, se impuxo a fugacidade. Vivimos na antítese, por poñer un exemplo, do que era o mundo medieval onde unha novidade supoñía case unha ameaza ao sistema imperante. No mundo laboral os gremios controlaban unhas férreas estruturas fóra das cales resultaba pouco menos que imposible o exercicio da profesión. No noso tempo, pola contra, as transformacións no mundo laboral son unha realidade permanente. Hai só unhas décadas moitas das profesións que hoxe forman parte do noso mundo non existían. Non había astronautas, nin controladores de voo nin enxeñeiros informáticos, cuxas actividades transformaron a realidade que nos rodea.

Aínda recordo a primeira vez que enviei por correo electrónico un texto ao meu editor, tratábase do orixinal dunha das miñas novelas. Era 1998 e foino dende o ordenador dun amigo que tiña «internet», fíxeno con moita reticencia e non poucas dúbidas acerca de onde podían ir parar aqueles centos de páxinas. Desconfiado, deixei que transcorrese media hora antes de chamar para comprobar que acontecera. Teño que confesar certa sorpresa cando me dixo que xa tiña impreso o texto. Entón comenteille ao meu amigo: «Isto é maxia, noutro tempo teríante queimado por practicas brujeriles». Dende entón, a informática continua tendo para min un halo de maxia, de misterio; unha percepción que ás veces confirma o meu «informático» cando, ante certas situacións anormais de funcionamento que se resolven de forma inexplicable, me di: «misterios da informática».

Non obstante, a realidade non é misteriosa, é pura e simplemente unha ciencia detrás da cal hai moitos miles de profesionais: os enxeñeiros informáticos, cuxo futuro laboral presenta perfís inquietantes. Dígoo porque existindo unha titulación con todas as bendicións académicas, a súa actividade laboral, o exercicio da súa profesión non está regulado. Moito peor non existe. O Ministerio de Ciencia e Innovación non ten recollida a actividade de informática como profesión regulada en España. Nin no Real Decreto de 1991, nin no anexo de ampliacións de 1998, o cal ten certa lóxica porque a carreira non existía como tal. Pero esa lóxica desaparece cando nos encontramos con que tampouco se incorporou despois dunha Directiva Comunitaria publicada no 2005.

En mans de quen está entón o exercicio profesional desta importante actividade na sociedade do noso tempo? Quen asina e, en consecuencia, se responsabiliza das instalacións informáticas dos proxectos que requiran delas?

Polo que sabemos foille adxudicado aos enxeñeiros de telecomunicacións co argumento de que a enxeñaría informática é demasiado nova. Non parece un argumento serio dende o momento en que academicamente se lles considera aptos. A outras enxeñarías como a de telecomunicacións, por exemplo, reguláronselle as competencias dez anos despois de creada a titulación. Ese tempo xa foi superado pola enxeñaría informática e os seus titulados quéixanse de que en secretarías claves dos Ministerios de Ciencia e Innovación e de Industria, dos que dependen as súas competencias e a regulación das súas actividades están ocupadas por enxeñeiros de telecomunicacións. Encontrámonos ante un caso de corporativismo?

En calquera caso alguén debe tomar cartas no asunto para deixar claras as expectativas de moitos miles de mozos profesionais nun terreo tan importante como a informática.