Pasar al contenido principal

A empresa que xestiona a rede Wimax, di que non hai usuarios

Logotipo de Wimax

Dende hai anos, o Concello de Santiago estivo a anunciar a bombo e prato a posta en marcha dunha rede Wimax no casco histórico de Santiago, unha zona na que as opcións para conectarse a Internet eran moi limitadas. Hai algo máis dun mes, entraba en funcionamento a conexión sen fíos na zona monumental. Pero a día de hoxe, ninguén se gastou 90 euros de cota de alta e entre 25 e 39 euros por un mes de conexión. Ou polo menos eses son os datos da empresa que xestiona o devandito servizo, Baudia, que engade que levan pouco tempo funcionando.

De todos os xeitos, a conexión sen fíos que ofrece Raxoi, na súa versión máis cara, ofrece como máximo un mega de velocidade de baixada e 512 quilobits de suba. Pola súa banda, o contrato básico da rede Wimax de Compostela ten un límite de baixada de 10 gigas, o equivalente ao contido que poden almacenar dous DVD.

Parece que dependendo da zona na que se viva, hai composteláns con máis facilidade para entrar de cheo nas novas tecnoloxías e na sociedade da información, mentres que outros o teñen máis difícil. En plena zona urbana da cidade, hai zonas que as compañías de telefonía consideran rurais, e a máxima velocidade de conexión é dun mega. Xusto ao outro lado da rúa, teñen a opción de contratar tres. Iso si, aos prezos máis altos de Europa.

Son poucas as alternativas que quedan para gozar de Internet de forma gratuíta. A máis popular é a de cargar co ordenador portátil cara ao bar máis próximo que teña colgado na porta un cartel que reza «Wifi gratuíto para os nosos clientes». O custo dunha conexión que permita consultar o correo electrónico, navegar por Internet ou manter unha conversación a través de videoconferencia é a consumición. Tamén Área Central ofrece conexión sen fíos gratuíta para os seus clientes.

A USC, que hai pouco presentou uns datos moi alentadores do uso das TIC entre a comunidade universitaria, ofrece conexión wireless. Do estudo despréndese que o 62% dos estudantes dispón de conexión a Internet fóra da Universidade, un dato que contrasta co número de fogares na bisbarra que no 2007 tiñan un ordenador conectado á Rede: 24.600, só a cuarta parte do censo compostelán.