Pasar al contenido principal

Os internautas sairán á rúa para defender a neutralidade na rede

Logotipo asociación de internautas

A era dixital está aquí e está a xerar unha redefinición radical do funcionamento da sociedade, baseado fundamentalmente na capacidade de intercambio directo e na libre achega de contidos e coñecemento.

Internet non só conseguiu que os xornais cheguen tarde, que as audiencias en televisión se estanquen, ao igual que sucede na radio, e que uns e outros perdan o poder de silenciar aquilo que non interesa. Tamén logrou xerar un sistema de información global e compartida, onde a manipulación é cada vez máis difícil e no que o cidadán cobra un novo protagonismo deixando de ser parte da masa indiferenciada para converterse en cibercidadanía.

O novo escenario tecnolóxico fai posible un diálogo entre os cidadáns entre si e cos poderes públicos, no que a figura do intermediario ou representante perde sentido, e iso sucede tanto no terreo económico coma no político. Por iso cremos que a democracia representativa debe axustarse aos novos tempos e volverse máis participativa, máis directa, mais informacional, mais solidaria e global en consonancia coa sociedade emerxente.

Dende esta perspectiva, a regulación das tecnoloxías da comunicación e información é o novo campo de batalla onde se libra a loita polos dereitos civís e queremos chamar a atención sobre determinados puntos:

1º.- O paquete TELECOM

No momento actual, ante a proximidade das eleccións ao Parlamento Europeo é obrigatorio referirnos ao debate iniciado en xullo de 2008 sobre o paquete TELECOM, que non está a resultar nada pacífico.

O obxecto básico do paquete é o novo espectro radioeléctrico europeo e a nova rede de banda ancha que se liberará de aquí a 2012 e permitirá que sexa utilizada polos distribuidores de Internet, accedendo a unha transmisión aínda máis rápida de información e máis barata. Algo que non debería supoñer ningún problema.

Non obstante, mediante emendas de última hora que nada tiñan que ver co obxecto das medidas, pretenderon torpedear as liberdades civís na rede xa que proxectaban que as autoridades reguladoras nacionais puidesen impoñer aos ISPs a obriga de traballar conxuntamente coa "policía privada" dos produtores de contidos e das xestoras de dereitos de autor, para monitorizar os usuarios cando accedan a sitios "non seguros", baleirando aos Xuíces e os Tribunais de Xustiza das súas competencias a favor de actores privados e "medidas técnicas" de vixilancia e filtrado ou a chamada "computación de confianza"

Os grupos de defensa de dereitos civís na rede de toda Europa opuxémonos frontalmente a estas medidas e polo momento logramos frustrar o proxecto liberticida, pero non desisten. Necesitamos a túa axuda

2º.- Protección e seguridade nas comunicacións electrónicas

Nos últimos tempos, baixo o pretexto da Seguridade, da defensa da infancia, dos dereitos de autor... pouco importa cual sexa a desculpa, estase a impoñer unha filosofía da vixilancia que ten por obxectivo controlar o cidadán e para conseguilo dispón de todo un arsenal tecnolóxico e un manual de instrucións escrito por G.Orwell: "1984"

Poucos van discutir que o Estado non utilice a tecnoloxía para a loita contra a delincuencia. Pero un Estado democrático esixe que o Poder sexa transparente. Por iso as medidas a utilizar, ademais de respectuosas co réxime de garantías, deben ser públicas e coñecidas, pois é a única forma que ten o cidadán para esixir o cumprimento da lei e o respecto dos seus dereitos. Seguridade si, pero non a custa de dereitos que tanto custaron conseguir. Por iso advertimos da necesidade de reconsiderar a Directiva 2006/24/CE, e a, Lei 25/2007, do 18 de outubro, de conservación de datos relativos ás comunicacións electrónicas e ás redes públicas de comunicacións

3º.- Banda ancha

A sanidade e a educación universal foron as dúas grandes conquistas sociais do século XX. Hoxe, a incorporación da tecnoloxía é esencial para que esa universalidade sexa efectiva. O libro deixou de ser o soporte do coñecemento, tampouco as Universidades son xa as súas Catedrais. O saber está a pasar á rede.

Por primeira vez na historia da humanidade, as tecnoloxías da información e comunicación están a facer posible a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento. Pero para que esa igualdade sexa real é preciso que se garanta tamén "a universalidade da banda ancha" para que calquera persoa poida dispoñer dunha conexión de banda ancha.

Pero non só por iso, tamén determinados servizos sanitarios e asistenciais, cada vez en maior medida, préstanse vía telemática e tamén empeza a ser a forma de relacionarse do cidadán coa Administración. En definitiva a banda ancha é o presuposto tecnolóxico sen o cal non é posible o desfrute pleno de dereitos sociais básicos como a educación e a sanidade. Para que isto sexa posible resulta imprescindible fixar os valores mínimos esixibles aos provedores no ancho de banda, independentemente do método de acceso elixido.

Por iso pedimos que se garanta mediante unha Directiva Europea, e unha Lei Nacional, o acceso mediante banda ancha como servizo universal

4º.- Neutralidade na rede

A neutralidade da rede é un dos grandes principios sobre os que se construíu Internet. E exprésase basicamente en que todo o que se transmite na rede se transmita da mesma forma, sen discriminar nin distinguir o contido dos paquetes. Neutralidade supón aplicar a todos os datos que circulan pola rede o mesmo tratamento, sen que haxa prioridade nin xerarquía duns sobre outros e que non se impida a algúns circular, de forma que a rede sexa sempre a mesma para todo o mundo.

Dende a perspectiva dos dereitos fundamentais, a neutralidade da rede equivale ao principio de igualdade e non discriminación dos usuarios da rede e o seu defensa é esencial de cara a evitar que no futuro Internet remate baixo o control duns poucos.

Por conseguinte pretendemos que a Lei garanta este principio.

5º.- Dereitos de autor e canon

Os abaixo asinantes, se ben entendemos que no século XXI se deben repensar os dereitos de autor e que estes non poden seguir prolongándose no tempo constantemente, tamén defendemos que resulta ineludible a necesidade de restablecer o equilibrio entre o dereito individual de autor e o dereito colectivo á cultura, e recordamos que a directiva 2000/31/CE aconsella "pactar códigos de conduta".

Aínda que debemos esforzarnos en harmonizar o "vello" dereito individual de autor co dereito de todos á cultura, e non só elaborando códigos de conduta senón tamén explorando novos modelos de negocio. Á súa vez a Industria de contidos debe asumir que os modelos de negocio que non poidan competir no novo escenario tecnolóxico, no que se desenvolve a creación cultural, teñen que desaparecer e non poden sosterse artificialmente a custa de restrinxir as liberdades civís, converter o Erario Publico nunha barra libre accesible a uns poucos para financiar proxectos sen viabilidade económica ou instaurando privilexios como o canon, que en tempos de crise como o actual, non só é insolidario, senón profundamente inmoral.

!!!UNETE!!!

MANIFESTO POLA NEUTRALIDADE NA REDE

http://www.internautas.org/acciones/acto24052009/manifiesto.html

ACTO PUBLICO POLA NEUTRALIDADE NA REDE.

Domingo 24 de Maio de 2009

Hora: 12 horas

Praza do Rei (Fronte a Ministerio de Cultura)

Madrid

Cartel protesta asociación de internautas