Pasar al contenido principal

A Asociación para o Avance da Informática pide a regulación do sector

Logotipo da Asociación para o Avance da Informática

A Asociación para o Avance da Informática e a Computación, recentemente constituída tras as mobilizacións do sector, demanda unha lexislación que regule o sector da informática para facer valer a importancia que merecen as distintas titulacións oficiais de Informática.

O colectivo proponse crear un punto de encontro de estudantes e titulados de todas as titulacións oficiais de Informática, de maneira que poidan loitar pola defensa global do sector. Ademais, a través desta nova asociación prevese dotar os estudantes e titulados de titulacións oficiais de Informática de mecanismos para interactuar de xeito global e compartir coñecementos.

Os impulsores da Asociación para o Avance da Informática e a Computación queren mostrar ás administracións a importancia e a complexidade dos sistemas informáticos, así como a necesidade de crear un corpo de Informática nestas.

A comunidade de profesionais e estudantes vinculados ao sector da informática reúnese así en torno a un novo colectivo para facer forza fronte ao Goberno polo agravio comparativo ao que están sometidos fronte a outras enxeñarías. «A situación na que se encontra a informática en España non é de ningún modo a que cabería esperar do actual motor da sociedade», sinalan, e aproveitando a presenza dun ministro de Educación procedente do mundo da Universidade, piden que se teñan en conta as súas demandas á hora de elaborar os novos plans de estudos e establecer as competencias e atribucións profesionais que lles corresponden.

A xuízo deste colectivo, a sociedade «non» valora as titulacións oficiais de Informática», o sector empresarial «ten unha escasa cultura de como deben levarse a cabo os sistemas informáticos e a asignación de recursos humanos a un proxecto», e os responsables da Administración «carecen dos coñecementos tecnolóxicos necesarios» para valorar como os sistemas informáticos afectan á sociedade.