Pasar al contenido principal

O colexio e o Valedor do Pobo manteñen un encontro para estudar liñas de colaboración

O Presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o Valedor do Pobo, Benigno López

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o secretario da mesma corporación, Juan Antonio Valiño, mantiveron esta mañá un encontro co Valedor do Pobo, Benigno López González, que se inscribe na campaña de divulgación sobre as funcións e iniciativas do propio colexio. Na xuntanza abordáronse as posibles vías de colaboración entre o ente colexial e a institución do Valedor.

No decurso da reunión, os representantes do CPEIG déronlle a coñecer a Benigno López o corpo de peritos, especializado en informática forense e, así mesmo, ofrecéronlle a colaboración do colexio en calquera aspecto informativo ou divulgativo sobre a protección de datos. Pola súa banda, o Valedor do Pobo apuntou que o número de queixas que recibe a institución sobre este aspecto aínda non é moi representativo pero si amosa unha tendencia crecente.

O encontro desta mañá inscríbese tamén nunha nova liña de traballo posta en marcha polo CPEIG a prol da divulgación dos bos usos de Internet entre os menores de idade. Precisamente, hai un mes o CPEIG e o Concello de Santiago organizaron unha mesa redonda que, baixo o epígrafe de "Redes sociais, facebook, tuenti: A cara oculta dos amigos dos meus fillos", informou sobre os perigos das relacións virtuais a través da Rede. O foro abordou a orixe e alcance actual das redes sociais, así como a súa repercusión na xuventude e a adición da mocidade ás mesmas.

A actualidade do debate sobre as redes sociais motiva que o CPEIG estea xa en contacto con outras institucións, coma o Valedor do Pobo, e diversos concellos para organizar noutros lugares de Galicia mesas redondas de contido e características similares á celebrada en Compostela. Neste sentido, o colexio ofreceulle a Benigno López a súa colaboración no deseño e posta en marcha de campañas de navegación segura e prevé agora solicitarlle un novo encontro ao Vicevaledor do Menor e Novas Tecnoloxías, José Julio Fernández Rodríguez, co fin de concretar iniciativas en común.