Pasar al contenido principal

O CPEIG congratúlase da publicación no BOE do novo marco académico para as enxeñarías en informática

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) congratúlase da publicación no BOE, do 4 de agosto, do novo marco académico para a Enxeñaría e a Enxeñaría Técnica en Informática. Segundo a entidade, este feito representa un avance fundamental na súa demanda de regulación destas profesións, as únicas enxeñarías, xunto coa Química, que carecen de atribucións específicas.

A publicación no BOE vén confirmar o Acordo do Consello de Universidades sobre as condicións que deben cumprir os títulos vinculados ás profesións de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática, formalizado o pasado 3 marzo. Neste sentido, o CPEIG, ao igual có Consejo de Colegios de Ingenieros en Informática (CCII) e o Consejo de Colegios de Ingenieros Técnicos en Informática (CONCITI), agradece a sensibilidade do ámbito universitario e do Ministerio de Educación cara a especial situación das profesións que representan.

Cómpre salientar que a confirmación do Acordo do Consello de Universidades supón unha solicitude expresa por parte do ámbito universitario da regulación das enxeñarías en Informática aos ministerios competentes: Ministerio de Industria, Turismo y Comercio e Ministerio de Economía y Hacienda.

Esixencias

Tras este avance, o CPEIG reitera as súas esixencias, centradas en:

  • A regulación da profesión de Enxeñaría en Informática de maneira explícita cunha lei propia e coa actualización do catálogo de títulos da lei 12/1986 que faga referenza aos Reais Decretos que establecen as titulacións da profesión.

  • A creación do Consejo General de Colegios de Ingenieros en Informática, xa en trámite de Proposición de Lei no Congreso dos Deputados.

  • A igualdade co resto das enxeñarías en todos os ámbitos (universitario, profesional, mobilidade europea, dereito de audiencia...)