Pasar al contenido principal

O Clúster TIC de Galicia celebra este 11 de febreiro unha nova asemblea xeral extraordinaria

Reunion do cluster TIC do 11 de febreiro

Se a posta en marcha dunha asociación empresarial ten un aquel de movemento lóxico e natural dos seus compoñentes, pensar nun ente que integre as diversas asociacións dun sector ben pode levarnos a pensar que finalmente a razón foi quen de impoñerse. A cousa aínda se enlea máis, e para mellor, se as diferentes compañías que deciden facer fronte común baixo os mesmos obxectivos teñen entre mans unha boa parte do medre tecnolóxico-dixital dun país, neste caso que nos ocupa o noso. Todo isto vén a conto para falar do Clúster TIC de Galicia, unha agrupación de agrupacións que se basea en aplicar ao innovador unha das filosofías máis antigas e sinxelas que existe: a unión fai a forza. Por certo que o Clúster ten prevista para este vindeiro 11 de febreiro unha nova asemblea xeral extraordinaria, xuntanza na que está prevista tomar unha bo número de decisións de especial importancia para o seu futuro, amais de darlle un pulo definitivo á súa liña de traballo, obxectivos e directiva (elixirase presidenta/e e membros do comité estratéxico).

O prazo para participar nela estará aberto até o 4 de febreiro, non sendo posible a partir de aí admitir novas altas, actualización de documentación, designacións ou delegacións de voto. Na web da entidade está dispoñible xa a relación de adheridos á agrupación, ratificados xa na asemblea do 14 de xaneiro.

Máis unión

O Clúster TIC, que aparece integrado por 76 entidades (entre asociacións profesionais, empresas ou colexios profesionais), estaría destinado (entre outras cousas) a ser unha imaxe de marca, un punto de referencia que centralice o que até agora ficou disgregado en esforzos máis locais. Así se especifica nas súas bases, sendo un dos seus obxectivos o de é coordinar esforzos para o medre da competitividade e a internacionalización, en España e no estranxeiro.

A día de hoxe, o Clúster non é novo. A súa andaina xa deu comezo hai un tempo, ben como proxecto ben como realidade, e mesmo chegou a dar acubillo á súa primeira asemblea xeral ordinaria. A súa presidenta provisional, Beatriz Legerén (responsable tamén de EGANET, asociacións impulsora), ve nesta proposta a gran oportunidade que procuraba Galicia e máis polo miúdo o seu sector dixital para dar o chimpo definitivo ao mundo. O potencial non é pequeno: o sector TIC é un dos máis salientables da nosa terra e conta cun bo número de empresas de renome e cunhas asociacións e colexios de gran experiencia.

Dalgún xeito, o Clúster TIC pon orde nun panorama até o de agora moi fragmentado de iniciativas a prol da promoción e produción das novas tecnoloxías, con todo o que iso (a centralización e coordinación de esforzos) ten de positivo para o resto dos nosos sectores, todos demandantes de produtos TIC en maior ou menor medida. De aí que ao eido empresarial que nos ocupa se lle chame "sector transversal": adiántase cara ao que ten xusto ante os ollos e beneficia igualmente a quen ten á súa beira.
Porén, cómpre desbotar a idea de que se trata dun tecido produtivo homoxéneo. De feito, é probable que nesta variedade de propostas empresarias que aglutina resida en parte a disgregación asociativa da que se xorde. O abano é amplo: hai firmas que se ocupan de desenvolver software e outras de deseñar hardware de todo tipo, sobre todo electrónica para o lecer; pero tamén hai operadores de telefonía, empresas que collen polo vieiro no que se cruzan redes e consultoría e outras que se insiren plenamente no ámbito das telecomunicacións.

A maiores das compañías que acoden a título persoal, intégranse no Clúster as seguintes asociacións:

  • EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías)
  • INEO (Asociación Multisectorial de Empresas TIC)
  • AETIC-Galicia (Asociación de Empresas TIC de España, Consello de Galicia)
  • COETG (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia)
  • AETG (Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia)
  • CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia)
  • CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia)
  • AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC)