Pasar al contenido principal

O colexio mantivo unha xuntanza coa secretaria xeral de Presidencia e co director xeral de Xustiza

Momento da reunión entre o CPEIG coa secretaria xeral de Presidencia e co director xeral de Xustiza

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, o vicepresidente do mesmo, Hernán Vila Pérez, e o secretario, Juan Antonio Valiño, mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Beatriz Cuíña Barja, e co director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, para presentarlles o Corpo Oficial de Peritos (COP), especializado en informática forense.

Ademais de abordar o labor dos peritos en informática forense, o colexio ofreceulles aos representantes da Consellería de Presidencia a colaboración do CPEIG en calquera aspecto informativo ou divulgativo sobre a protección de datos. Do mesmo xeito, os cargos directivos da Xunta amosaron a súa total disposición a estudar futuras liñas de colaboración co órgano colexial.

Para o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, "o Corpo Oficial de Peritos é un instrumento clave na loita contra a casuística actual dos delitos, cuxo compoñente tecnolóxico vai medrando día a día, segundo se desprende dos diferentes informes feitos públicos pola Administración de Xustiza".

Funcións do Corpo Oficial de Peritos

O COP ten como funcións as de dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido polo artigo 335 da Lei de Enxuizamento Civil e de acordo co recollido nos estatutos do colexio. Particulares e empresas poden acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros.

As intervencións do COP poden relacionarse co descubrimento e revelación de segredos ou espionaxe industrial; delitos económicos, societarios ou contra o mercado ou os consumidores realizados por medio de sistemas informáticos; delitos contra a propiedade intelectual e industrial; vulneración da intimidade, lectura de correo electrónico; estafa, fraudes ou conspiración; despido procedente ou improcedente; publicidade enganosa, etc.

Existe unha única listaxe de peritos conformada polo conxunto dos membros do COP que se pon a disposición dos axentes xudiciais e se actualiza anualmente. Todos os membros deste corpo teñen unha acreditación de formación en informática forense para exercer como peritos. Para poder facer uso do servizo de peritaxe do CPEIG, os interesados poden contactar coa Comisión de Peritaxes a través do sitio web do colexio ou mediante o teléfono 981 553 355.

O encontro entre o CPEIG e membros da Consellería de Presidencia inscríbese na serie de contactos e xuntanzas que os representantes do colexio están mantendo con diferentes institucións e organismos a prol dun maior coñecemento e recoñecemento da Enxeñaría en Informática en Galicia.