Pasar al contenido principal

O colexio lamenta o descoñecemento do Goberno Español sobre a trascendencia de Enxeñaría Informática na sociedade actual

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), diante da resposta remitida pola adxunta primeira do Defensor del Pueblo, María Luisa Cava de Llano y Carrió, en resposta á queixa presentada por varios/as colexiados/as, quere manifestar o seu total desacordo coa desconsideración que amosa o Goberno central cara á Enxeñaría en Informática e a súa regulación.

Na queixa promovida polo CPEIG e remitida por un número significativo de colexiados/as e titulados/as, solicitábaselle ao Defensor del Pueblo que acordase promover e impulsar desde o seu Gabinete a "adopción de medidas por parte dos diferentes organismos competentes para o regulamento das profesións de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática".

Na resposta remitida pola adxunta primeira ao Defensor del Pueblo, que se basea en informes dos ministerios de Educación, de Industria, Turismo e Comercio, e de Economía e Facenda, recóllense unha serie de aseveracións que non reflicten a realidade da importancia e transcendencia da Enxeñaría en Informática na sociedade actual.

De acordo cos mencionados informes, a carta recolle que consideran que a regulación das profesións de enxeñeiro/a e enxeñeiro/a e enxeñeiros técnico/a informático/a "non parece xustificada posto que non se presta de forma directa a consumidores que requiran dunha especial protección por estar suxeitos a danos graves e irreversibles na súa saúde ou seguridade persoal." Deste xeito, a carta desbota a creación dunha reserva de actividade que "non estaría xustificada en ningún interese público a protexer e prexudicaría seriamente os lexítimos intereses doutros profesionais que hoxe compiten no mercado".

Diante destas aseveracións, o CPEIG quere lembrar a transcendencia da profesión que defende en ámbitos como son a protección de datos (dereito fundamental recollido na Constitución Española) ou na xestión de aeroportos e quirófanos, por poñer só uns exemplos. Para o colexio, a falta de regulación da profesión fomenta o intrusismo, os traballos de baixa calidade e a falla de planificación e recursos.