Pasar al contenido principal

Convocada a segunda edición do curso superior de administración electrónica da EGAP, que conta co apoio experto do CPEIG

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)

A segunda edición do Curso Superior de Administración Electrónica, impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dará comezo o vindeiro día 24 de maio, segundo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado día 4 do presente mes. O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, é co-director do curso e coordinador de varios módulos do mesmo, namentres que membros do colexio e mesmo da súa directiva forman parte do grupo de relatores.

O curso, que conta co apoio experto do CPEIG, pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia. Os contidos do programa enfocan, desde distintas perspectivas, a Administración electrónica para que os destinatarios adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática.

Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade.

Os membros do colexio participarán como relatores nos módulos I e II, dedicados ao Fundamento de Tecnoloxías e Sistemas de Información, e Informática e Dereito, respectivamente. Deste xeito, o colexio achega os seguintes docentes para a impartición do curso: Juan Otero Pombo, Jesús Rodríguez Castro, Antón Campos Silva, Juan Antonio Valiño García, Miguel Ángel Molinero Álvarez e Miguel Ángel Otero, á parte do xa mencionado Fernando Suárez Lorenzo.

O Curso Superior de Administración Electrónica desenvolverase na EGAP os luns e mércores, das 17.00 ás 20.00 horas, ata o 29 de novembro. As persoas interesadas poden achar máis información na seguinte ligazón: http://egap.xunta.es/admonElectronica.