Pasar al contenido principal

A Xunta de Galicia consulta a súa política de innovación ao colexio como axente principal do sector TIC

Logotipo da Xunta de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) asistiu o pasado venres, día 28 de maio, á presentación das conclusións do diagnóstico e os ámbitos de actuación da política de innovación TIC do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global (PETG) da Xunta de Galicia. Convidado pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ao acto de presentación asistiu o presidente, Fernando Suárez Lorenzo.

Os representantes dos colexiados manifestaron nas diversas xuntanzas nas que teñen participado para a elaboración do PETG o "total acordo coa necesidade dun plan que unifique a política TIC da Xunta e que permita definir a estrutura organizativa e o modelo tecnolóxico necesario para unha axeitada xestión das TIC na Administración autonómica galega".

Aposta polo software libre

Así mesmo, o CPEIG aposta decididamente polo software libre e de código aberto, de xeito que se xere unha verdadeira industria relacionada co desenvolvemento do software en Galicia e que permita a competencia das pequenas e medianas empresas e autónomos. En relación ao anterior, o ente colexial destaca a importancia que deben cobrar os e as profesionais da Enxeñaría en Informática no sector para "conducir á Galicia á vangarda tecnolóxica".

En opinión do colexio, sería oportuno que a propia Administración autonómica apostase pola creación de centros de desenvolvemento e probas de novos produtos, o que lles permitiría contar con laboratorios propios para o estudo de novas tendencias e solucións.

Na elaboración do PETG participaron os principais axentes implicados no reto da innovación en Galicia, entre eles o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.