Pasar al contenido principal

Publícanse no BOE os estatutos provisionais do consejo general de colegios oficiales de ingeniería en informática

Logotipo do CCII

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) congratúlase da publicación no BOE de hoxe dos estatutos provisionais do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática. Segundo a entidade, este feito representa un novo avance fundamental na regulación da profesión, tal e como demanda o organismo representante dos titulados e tituladas en Enxeñaría en Informática de Galicia.

A Orden ITC/2180/2010, de 29 de julio, por la que se publican los Estatutos provisionales del Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática defíneo como corporación de dereito público, sen ánimo de lucro, dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. Entre os fins figuran o de promover a sociedade da información e o coñecemento en España e velar polo cumprimento dos preceptos constitucionais no uso da informática para garantir a honra e a intimidade dos cidadáns. Ademais, a nova entidade traballará a prol da ordenación do exercicio da profesión de Enxeñaría en Informática e na defensa dos intereses profesionais dos colexiados e colexiadas pertencentes ás corporacións integrantes, así como na protección dos usuarios dos seus servizos.

Esta publicación no BOE supón un paso máis na consecución das demandas que vén presentando o Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Galicia en coordinación co conxunto de colexios representantes desta enxeñaría en España e que levaron mesmo a desenvolver mobilizacións. O obxectivo final é conseguir situar a Enxeñaría en Informática en condicións de igualdade co resto das enxeñarías en todos os ámbitos (universitario, profesional, mobilidade europea, dereito de audiencia...)