Pasar al contenido principal

A noite da enxeñaría en informática consolídase como reafirmación da profesión

Premiados/as na II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

A nosa noite é a noite da reafirmación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia", afirmou hoxe o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, no decurso da gala que por segundo ano consecutivo organiza o colexio. Diversas autoridades da Xunta de Galicia, como a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, ou o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; do ámbito universitario e representantes de diversas empresas e colexios profesionais doutras comunidades quixeron acompañar aos colexiados e colexiadas na Segunda Noite da Enxeñaría en Informática, que tivo lugar en Santiago de Compostela, no Hostal dos Reis Católicos.

Na alocución dirixida aos preto de 200 colexiados, colexiadas e autoridades presentes, Suárez Lorenzo reivindicou os papel das TIC na mellora da concorrencia "como ferramentas fundamentais para saír da crise económica". Neste sentido, referiuse ao comezo dunha nova fase de avance na Sociedade da Información, na cal Internet transformará as nosas vidas. "Neste novo comezo de etapa, as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática estamos chamados a ser protagonistas con nome propio".

Premios

Logotipo da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

A cita anual do CPEIG incluíu a entrega dos seus premios. Suárez Lorenzo referiuse aos galardóns como un "recoñecemento explícito" a aqueles actores e proxectos que, coma os profesionais da Enxeñaría en Informática, teñen a tarefa de asegurar "a vertebración dixital do noso territorio como elemento compensador dos desequilibrios que aínda atenazan a nosa sociedade".

Os galardoados foron os que a continuación se indican:

  • Premio ao Proxecto Innovador: a factura electrónica da Consellería de Facenda. O CPEIG destaca o amplo espectro de uso, que garante a universalidade e facilidade de emprego da mesma.

  • Premio á Traxectoria Profesional: Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software. Lugués que coa súa empresa Códice Software traspasou as barreiras do noso país para competir no mercado máis esixente no eido TIC: o norteamericano.

  • Premio Iniciativa Empresarial: Clúster TIC de Galicia. A organización dos premios sinala a importancia de sumar e crear redes de colaboración baseadas na confianza.

  • Premio Iniciativa da Administración: 2014.gal Axenda Dixital de Galicia. Representa un reto sen precedentes na Administración Autonómica.

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Roberto Rey Expósito. O alto nivel do seu traballo espertou o interese mesmo da Axencia Aerospacial Europea.

Agás no caso do premiado co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais galardoados recibiron unha estatuíña e un diploma acreditativos, sen dotación económica.

Patrocinadores de luxo

Para a organización desta Noite, o CPEIG contou coa colaboración e apoio económico de diversas entidades e empresas que operan no eido das novas tecnoloxías. Como patrocinadores de ouro: HP, Telefónica, Bahía Software, Plexus, Altia, Atos Consulting, Everis, Bull e Xunta de Galicia. Como patrocinador de prata: Coremain. Patrocinadores de bronce: Tecnocom, IECISA, T-Systems, Balidea e INSA. Así mesmo, a entidade La Caixa tamén apoia economicamente a Segunda Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

Os colexiados e colexiadas gozaron dunha noite ideada para o encontro e intercambio lúdico, que se pechou cunha cea de gala. A entrega de premios foi conducida polo artista Miguel Lago -coñecido por ser o monologuista máis novo de todos os que actuaron ata o momento no Club de la Comedia e colaborador habitual da Paramount Comedy, ademais de actor no "reality" Curso del 63- e contou tamén coa actuación do grupo musica Alo-Django Alo-Django.