Pasar al contenido principal

O reitor da USC inaugurou esta mañá as Xornadas empresa, protección de datos, administración electrónica, organizadas polo CPEIG

Momento das Xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long, inaugurou esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC as xornadas Empresa-Protección de Datos-Administración Electrónica, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Durante tres días, diversos especialistas afondarán na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) nun interesante diálogo enfocado cunha dobre perspectiva: por unha banda, a mellora da compresión e cumprimento da LOPD e, por outra, a concienciación de todos os sectores e grupos sociais, en especial o público máis novo, da necesidade de protección dos datos persoais, xa que representan "un ben de enorme valor", en opinión do presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Na súa alocución, o reitor fixo fincapé na auxe do comercio electrónico e destacou o papel do Grupo Inditex neste sentido. Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou cinco razóns para adaptarse á lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal: a primeira, cumprir coa lexislación vixente; a segunda, evitar sancións da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD); a terceira, evitar o deterioro da imaxe pública; en cuarto lugar, "xestionar dun xeito moderno a información na empresa" e, por último, mellorar a xestión da calidade.

Unhas 150 persoas inscritas nas xornadas aprenderán ou actualizarán os seus coñecementos arredor da lexislación sobre protección de datos, propiedade intelectual e comercio electrónico, entre outros aspectos.

Na inauguración do encontro interviñeron tamén a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez Rozas; o subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Jaime Barros Leboreiro; e o secretario do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC, Rafael Millán Calenti. Na organización do encontro colaboran a Xunta de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Centro de Estudos Cooperativos da mesma universidade.

Estas xornadas desenvólvense no marco do convenio establecido entre o Colexio e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.

Segundo a organización das xornadas, "é preciso crear e transmitirlle confianza aos usuarios das novas tecnoloxías para que cedan os seus datos de carácter persoal e que estes vaian seguros e protexidos polas redes de ordenadores. O éxito do verdadeiro despegue do comercio electrónico e das relacións informáticas coa Administración dependerá da seguridade ofrecida para que a cidadanía os empreguen".

Representantes da Agencia Española de Protección da Datos, investigadores universitarios e outros especialistas en protección de datos dialogarán durante tres días na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.