Pasar al contenido principal

Wikileaks, liderando a Internet do futuro

Fernando Suárez. Presidente do CPEIG

Vaia por diante que para nada pretendo xulgar a Julian Assange creador de Wikileaks polos seus hábitos persoais, senón simplemente dar a miña opinión sobre o uso que fai da Rede e das posibilidades a citada web. Neste sentido, non se produciu ningún delito relativo ao roubo de información, hackeo de webs ou rotura de proteccións. Simplemente facilitáronse os recursos existentes para, garantindo a confidencialidade dos informadores ou simplemente achegando información dos propios medios de comunicación, poñer en coñecemento dunha sociedade global unha serie de feitos e informacións coa suficiente transcendencia para cambalear Gobernos do primeiro mundo. Parecen premonitorias as palabras do magnate da comunicación Rupert Murdoch en 1958 cando indicou que «na carreira entre o segredo e a verdade, parece inevitable que a verdade gañará sempre».

Resulta especialmente rechamante a presión á que se tiveron que ver sometidas distintas multinacionais (PayPal, Mastercard, Visa, Amazon e servidores de DNS) para deixar de dar servizos a Wikileaks, sobre a que non pesa ningún tipo de sentenza.

Vemos que, en ocasións, en lugar de aproveitar a potencialidade dun novo medio de difusión (que non de comunicación, pois non entra neste concepto) como é Internet, se demoniza en prol da «seguridade». Nun momento no que se pretende potenciar a administración electrónica, un de cuxos maiores beneficios é a transparencia e a proximidade das institucións aos cidadáns, banalizar sobre estes riscos é poñer paus nas rodas á ferramenta máis democratizadora na historia da humanidade.

Noutro ámbito, como é o das descargas, temos experiencias similares. A primeira iniciativa importante a nivel mundial correspondeu a Napster, perseguida pola industria ata lograr o seu peche, co que se conseguiu unha lexión de iniciativas similares mesmo máis avanzadas tecnicamente, imposibles de clausurar a día de hoxe e sobre as que ademais hai sentenzas xudiciais favorables. Estou convencido e que o cesamento de servizos antes mencionado, lonxe de parar a iniciativa, favorecerá novos desenvolvementos e ideas que contribuirán a unha mellor Internet.

Polo tanto podemos afirmar que Wikileaks é a punta do iceberg do futuro da política, na que a transparencia deixará de ser unha utopía para converterse nunha realidade, aínda que isto se consiga a base de presión cidadá.