Pasar al contenido principal

O CPEIG resultou finalista dos premios EGANET na modalidade educación dixital co proxecto Navega con Rumbo polo Ciberespazo

Premios EGANET 2010

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) entregou o pasado día 22 de decembro os seus premios anuais. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) resultou finalista da modalidade Educación Dixital, co proxecto Navega con Rumbo polo Ciberespazo, realizado en colaboración coa Xunta de Galicia.

O obxectivo do programa é que o alumnado aprenda a navegar con tino por Internet, así como evitar os riscos da rede e, ao mesmo tempo, espremer as súas potencialidades. Charlas dos colexiados nos centros escolares, unha páxina web e material divulgativo para os rapaces e rapazas, profesorado e pais e nais compoñen este programa.

O programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo desenvólvese no marco do convenio establecido entre o CPEIG e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.

O proxecto O valor de IGU, na que colaboraron as empresas Interacción e Imaxín resultou gañador da modalidade Educación Dixital dos Premios Eganet, na que, á parte do CPEIG, quedaron como finalistas os seguintes:

  • Centro de Supercomputación de Galicia e Colexio Rural Agrupado de Boqueixón-Vedra: Comunidades Rurais Virtuais.
  • CEIP Nétoma-Razo, CEIP Joaquín Rodríguez Otero, CEIP O Graxal: O Campo da Feira.

Por parte do CPEIG, recolleu a estatuíña de finalista o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo.