Pasar al contenido principal

O Adxunto ao Director da AEPD sinala que as reformas da LOPD inciden nunha maior seguridade xurídica

Jesús Rubí Navarrete

Jesús Rubí Navarrete, adxunto ao director da Axencia Española de Protección de Datos, impartiu hoxe un relatorio baixo o título de O réxime sancionador na LOPD, dentro da última sesión das xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Xunta de Galicia.

Na súa intervención, o experto abordou as reformas introducidas pola Lei 2/2011, de 4 de marzo, de Economía Sustentable no réxime sancionador da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD). Rubí destacou os obxectivos desas reformas: "incrementar a seguridade xurídica, modular as sancións económicas e incorporar novas medidas preventivas á iniciación do procedemento sancionador".

Dentro das novidades máis destacadas, sinalou o apercibimento como unha medida preventiva dirixida, naqueles casos nos que sexa aplicable, a advertir da irregularidade cometida requirindo a adopción das medidas que permitan "corrixir a situación ou evitar a repetición da conduta".

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizou ao longo de tres días a xornada As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica. Colaboraron na iniciativa a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Centro de Estudos Cooperativos (Ceccop).

Funcionariado, empresariado e público en xeral achegáronse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, lugar onde se celebrou o foro, para resolver as súas dúbidas e intercambiar experiencias. Durante as xornadas, un amplo número de expertos uniron as súas distintas visións para abordar a Administración electrónica desde o punto de vista do acceso da cidadanía aos servizos públicos, a contratación, a facturación, a protección de datos ou a informatización das cooperativas, entre outras cuestións.