Pasar al contenido principal

Declaración Institucional Día de Internet

Símbolo do CPEIG

Hoxe, día 17 de maio, e coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, conmemórase o Día de Internet e da Sociedade da Información. A finalidade principal desta efeméride é dar a coñecer as posibilidades que ofrecen as Tecnoloxías da Informática e do Coñecemento para mellorar o nivel de vida dos pobos e dos seus cidadáns.

As últimas décadas do pasado século e o comezo do presente estiveron marcadas por unha verdadeira "Revolución Dixital" debida aos cambios producidos polo impacto das TIC en tódolos ámbitos da sociedade actual. Ademais estas transformacións caracterízanse pola velocidade á que se incorporan a todos as esferas da nosa vida, cambiando o noso modo de comunicarnos, organizarnos, traballar e mesmo nos divertir.

Neste proceso de cambio toma especial protagonismo Internet, como paradigma da interconexión total. E difícil imaxinar, nunha sociedade avanzada e moderna como a nosa, algún eido no que Internet non teña todavía presenza. As relación coa administración, o comercio electrónico, os medios de comunicación e mesmo o ocio ou as relacións persoais son campos onde cada vez teñen máis presenza os medios electrónicos. Podemos incluso dicir que os tempos da Sociedade da Información quedaron atrás para construír a actual Sociedade do Coñecemento.

Mais este desenvolemento non será completo mentres o acceso á rede non sexa universal. Por iso o lema do día de Internet este ano é Unha vida mellor nas comunidades rurais coas TIC resaltando esa necesidade de chegar a todos os cidadáns. Pero a verdadeira brecha tecnolóxica non so é de acceso, senón tamén de capacitación. É necesario pois, contribuír a que se coñeza mellor Interntet para que se convirta nun recurso mundial verdadeiramente accesible ao público, de xeito que todos sexamos capaces de sacarlle o máximo proveito posible.

Os gobernos europeos son conscientes da necesidade de sentar a bases para o futuro de Internet, elaborando distintas iniciativas que constitúen o marco de referencia actual para o desenvolvemento de políticas da Sociedade do Coñecemento na UE e nas que se fai fincapé nas TIC como impulsoras da inclusión e do avance da calidade de vida.

Para garantir este progreso, é necesario asegurar un concepto tan importante como o de neutralidade. A Neutralidade de Rede foi un catalizador indispensable para a competencia, a innovación e as liberdades fundamentais na contorna dixital. Unha Internet neutral asegura que os usuarios non se enfrontan a condicións que limiten o acceso a aplicacións e servizos. Así mesmo, exclúe calquera discriminación por razón de orixe, destino ou contido real da información que se transmite pola rede.

Grazas a este principio, a nosa sociedade construíu Internet de maneira colectiva tal e como a coñecemos hoxe. Salvo nalgúns réximes totalitarios, todo o mundo ten acceso á mesma Internet, e mesmo o máis pequeno dos emprendedores está en igualdade de condicións cás empresas líderes a nivel mundial. Ademais, a Neutralidade de Rede estimula o círculo virtuoso dun modelo de desenvolvemento baseado no crecemento dunha rede común de comunicacións que proporciona novos usos e ferramentas. Só baixo tales condicións Internet mellora continuamente as nosas sociedades, mellorando a liberdade e permite uns mercados máis creativos e eficientes.

No imparable avance que propón a Internet actual, cabe salientar o coñecido como Internet das cousas. Avanzamos cara un planeta onde todo tende a estar conectado, desenvolvendo un sistema nervioso que nos permitirá, interpretando a inxente cantidade de información que nos ofrece, crear sociedades máis eficientes, ser menos destructivos, e interconectar distintos aspectos da nosa vida para descubrir novas formas de facer as cousas.

Neste futuro, hoxe xa presente, as enxeñeiras e enxeñeiros en informáticas estamos chamados a asumir un papel protagonista.