Pasar al contenido principal

Máster Oficial Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións

Logotipo del CESGA

 A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organizan o Máster Oficial Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións. Este máster ten como principal obxectivo a formación de profesionais, tecnólogos e investigadores no campo da arquitectura de computadores, a computación de altas prestacións e a xestión e desenvolvemento de proxectos en Ciencia Computacional.

A modelización, a simulación numérica e a computación de altas prestacións son áreas de coñecemento que gozan hoxe de extenso uso e proxección en infinidade de disciplinas científicas, técnicas e de enxeñaría. Todas as previsións apuntan a unha crecente demanda de profesionais versados en estás áreas de coñecemento na próxima década.

O máster incide na formación académica, de investigación e de transferencia de tecnoloxía que permitirá aos alumnos incorporarse a centros ou departamentos de innovación, investigación e desenvolvemento, parques tecnolóxicos, parques industriais, centros de alta tecnoloxía, centros de procesamiento de datos e/ou empezar a realización dunha tese doutoral na área da computación de altas prestacións.

O plan de estudos consta de 13 materias e un Proxecto Fin de Máster (PFM), e inclúe contidos científico-técnicos e de formación en destrezas humanas de interese en contorna laboral e de aplicación en xestión de proxectos, persoas e equipos compostos por profesionais altamente cualificados.

Un amplo número de profesores compoñen o cadro docente, composto por investigadores e profesionais de longa traxectoria das Universidades de Coruña e Santiago de Compostela, así como do Centro de Supercomputación de Galicia. Ao longo do Máster celébranse intensas sesións de intercambio de coñecemento con investigadores e tecnólogos de empresas punteiras do sector.

O Máster conta coa colaboración de empresas tan importantes como HP, Bull, IBM, AMD, Fujitsu, Gompute ou DygraFilms. Entre os beneficios que estas colaboracións achegan aos estudantes do máster podemos destacar:

  • Posibilidade de establecer contratos en prácticas nestas empresas.
  • Premios en metálico e/ou material informático para os mellores expedientes e proxectos fin de máster.
  • Estancias nos centros de investigación das empresas.
  • etc.

O máster oferta 25 prazas entre as dúas Universidades e inclúe a posibilidade de matrícula a tempo parcial, para poder terminar o máster en 1 ou 2 cursos académicos. A matrícula pode realizarse en calquera das dúas universidades organizadoras. As clases impartiranse en centros de ambas as universidades e no CESGA, ofrecéndose por videoconferencia entre os centros sempre que sexa posible, para minimizar a necesidade de desprazamento dos alumnos.

Máis información sobre o máster (programa, prazos de matrícula, etc.) na súa páxina oficial: http://gac.des.udc.es/master/. Tamén é posible seguilos a través de twitter (http://twitter.com/master_icap).