Pasar al contenido principal

´Os centros premiados serán cada vez máis excelentes á conta de outros´

Javier García Tobío, director do Cesga

-Está de acordo coa preselección para optar ao programa Severo Ochoa (doce centros cataláns, sete madrileños, un andaluz, un canario e un valenciano)?

-Prémiase a excelencia e, desgraciadamente, en Galicia hai grupos excelentes pero non acollidos ás normas e valoracións ou grupos como o de Anxo Carracedo, de máximo prestixio internacional, que pola razón que sexa non se presentaron. A miña pequena crítica é que os seleccionados xa son excelentes, polo que a diferenza con outros vai ser cada vez maior. Cada vez serán máis excelentes pero á conta de que outros grupos que pretenden a excelencia non a poidan alcanzar.

-En que consisten os servizos que o Cesga presta ao cinco usuarios preseleccionados para as axudas do Ministerio?

-É para a simulación e a modelización numérica. Son tecnoloxías que se utilizan desde os anos 60 para reproducir ou simular eventos da natureza, da sociedade, da economía... Todo o que é reproducible mediante ecuacións numéricas. Por exemplo: as probas en que se estrelan coches contra a parede para ver a seguridade, que é algo carísimo. Iso pode facerse por computador. Ademais de cálculo, ofrecemos conectividad, para acceder a unha gran capacidade de mover datos, e almacenamento, que ademais garante que non haberá filtracións.

-E en que axudou o Cesga ao CERN, o centro suízo onde se atopa o colisionador de partículas que logrou recrear a pequena escala o Big Bang?

-O CERN está a tratar de localizar o bosón de Higgs, a partícula na que se sustenta toda a Física Fundamental actual e na que hoxe está baseada a ciencia. Se non aparece esa partícula, haberá que reformularse toda a ciencia física que temos neste momento. O que fai o acelerador de partículas é que choquen entre elas e, como consecuencia do choque, fanse cachizas e prodúcense partículas máis pequenas, e entre esas é onde se pretende localizar o bosón de Higgs. Sabemos que esas partículas chocan porque se recolle unha chea de información a través de campos magnéticos. Pero é unha información brutal, inxente, que hai que procesar toda e que hai que analizala. E para iso utilízase a supercomputación. O Cesga xunto a outros 80 centros de todo o mundo analizan os datos que se envían todos os días desde Xenebra e que coordina o grupo de Física Fundamental da Universidade de Santiago.

-Ademais do traballo co CENR, en que outros grandes proxectos está inmerso o Cesga?

-Co Instituto Español de Oceanografía imos estudar a evolución dos bancos de pesca na cornixa cantábrica. Tamén, con Portos do Estado, estudaremos os movementos de masas oceánicas desde o Mar do Norte até o sur do Sahara para ver como afecta á salinidade, as temperaturas e a seguridade marítima.

-O Cesga non só ofrece os seus recursos a investigadores, senón que ten os seus propios proxectos de investigación. En que traballan agora?

-Estamos fundamentalmente traballando en deseños de novas linguaxes de programación para novos supercomputadores. Os supercomputadores que existen non poden dar solución a problemas que lles son inabordables.

-Como cales?

-Aínda non se pode predicir a meteoroloxía a nivel planetario, ou simular con precisión o sistema circulatorio do ser humano. Son grandes retos da supercomputación que non podemos resolver nin todos os supercomputadores xuntos. Hai que deseñar novas linguaxes de programación e sistemas de xestión