Pasar al contenido principal

O DOG publica o Decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica

Logotipo da Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 16 de xaneiro o Decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e os seus estatutos. Nun prazo máximo de dous meses terá lugar a sesión constitutiva do consello reitor da Amtega, o que implicará a súa entrada en funcionamento.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia consolida un modelo de xestión integrado das TIC na Administración autonómica, que permitirá unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta baixo unha mesma dirección e con custe cero.

O proceso de consolidación levarase a cabo de xeito gradual, integrando a 8 consellerías a finais de 2012 e o resto de organismos e departamentos TIC nun prazo máximo de catro anos. Un total de 558 profesionais da escala de tecnoloxías da información que desempeñan as súas funcións nos distintos departamentos da Xunta traballarán nun proxecto tecnolóxico único baixo a dirección da Axencia, que tamén xestionará o orzamento global tecnolóxico da Administración galega.

Coa creación da AMTEGA e a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral Galicia da un paso histórico en materia tecnolóxica apostando por un modelo de xestión das TIC integral que non existe noutras comunidades. Ademais, ambas iniciativas posibilitará redución de arredor do 30% do custo tecnolóxico da Administración autonómica. Esta optimización do gasto permitirá reinvertir en proxectos TIC innovadores no sector público galego.

Simplificación organizativa

A estrutura organizativa da área tecnolóxica da Administración autonómica quedará notablemente reorganizada e simplificada, suprimindo polo menos 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas dentro da Xunta. Suporá ademais unha reestruturación organizativa e unha consolidación das infraestruturas que xerará un aforro de espazo que poderá acadar ata un 40% no 2014.

Redución de custos

Un dos eixos centrais da política tecnolóxica da Xunta é a eficiencia na xestión dos fondos públicos e a Axencia é unha fórmula efectiva para consolidar este obxectivo. Deste xeito nun prazo de tres anos prevese unha redución de entre un 25 e un 30% nos custos de mantemento, adquisición de sistemas e infraestruturas tecnolóxicas. Este aforro será posible á centralización das compras en materia tecnolóxica, conseguindo mellores prezos e condicións de compra; á redución da estrutura organizativa; á consolidación das plataformas tecnolóxicas nun único CPD e ao impulso do emprego software libre na Administración.

Ademais, a Axencia xerará unha redución de gasto en estrutura de persoal de ata un 23% ao final da lexislatura. A reorganización organizativa que conleva a Axencia permitirá que no 2014 se teña acadado unha redución de arredor do 50% en custos en coordinación de proxectos. A todas estas minoracións de gasto TIC engádense ás que proporcionará a posta en marcha pola futura Axencia do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), que integrará as funcións dos máis de 80 CPDs existentes ata o de agora acadando un aforro anual e 3.millóns de euros:

Proceso de consolidación en tres fases

O proceso de consolidación dos servizos tecnolóxicos levarase a cabo de xeito gradual en tres fases. A primeira comeza coa constitución da Axencia incorporando os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xunto co persoal e os recursos TIC da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Esta primeira fase completarase no primeiro trimestre do ano 2012 e contará co orzamento da Secretaría Xeral (o 46,4% do orzamento global TIC) e a integración de 74 profesionais TIC (correspondente a SXMIT e a Consellería de Presidencia), o 13,3% do persoal da área tecnolóxica da Administración.

Na segunda fase integraranse os departamentos TIC de outras 7 consellerías: Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar. Este proceso rematará en decembro de 2012 co 67% do orzamento TIC total e 280 profesionais (o 50,3% do persoal TIC) integrado na Axencia.

A terceira é ultima fase será a integración do persoal e orzamentos do resto de organismos e departamentos TIC nun prazo máximo de catro anos.

Estrutura

A estrutura funcional comporase de catro áreas encargadas da planificación, dirección e execución das competencias tecnolóxicas na Xunta baixo un esquema de goberno composto de presidencia, consello reitor e dirección.