Pasar al contenido principal

Recomendacións á sociedade galega co gallo do Día da Protección de Datos

Recomendacións do CPEIG a Prol da Protección de Datos

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a difundir na presente semana unha serie de recomendacións con motivo do Día da Protección de Datos, que se celebra este sábado 28. Mediante ese conxunto de suxestións, o colexio avoga pola concienciación dos galegos e galegas en materia de seguridade na Rede.

O CPEIG considera do máximo interese que a sociedade galega "tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos". Baixo esa premisa, o ente colexial elaborou un conxunto de recomendacións que fai público para contribuír á construción dunha sociedade da información na que a cidadanía debe ser consciente de todas as oportunidades e dos riscos que lles ofrece a Internet.

Trátase dun folleto que, baixo o título de Recomendacións do CPEIG a prol da Protección de Datos, inclúe un total de 13 consellos básicos e un pequeno glosario dirixidos a usuarios da Internet, así como unha serie de ligazóns de interese.

O Día da Protección de Datos en Europa é unha xornada impulsada pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades de protección de datos dos Estados membros da Unión Europea co obxectivo de difundir entre os cidadáns o coñecemento dos seus dereitos e responsabilidades sobre a protección de datos.