Pasar al contenido principal

Declaración Institucional do CPEIG con motivo do Día Mundial da Internet

Día de Internet 2012

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), na véspera do Día Mundial da Internet, que se conmemora o 17 de maio, quere facer pública a seguinte declaración institucional:

O ser humano xerou, desde o principio da súa historia ata o ano 2003, uns cinco exabytes de información, é dicir, cinco mil millóns de xigabytes, segundo os cálculos de IBM. O ano pasado, 2011, xeramos aproximadamente ese mesmo volume de información cada dous días; o vindeiro ano 2013 xeraremos esas mesmas cantidades cada dez minutos.

Sen dúbida, a proliferación de dispositivos móbiles, dentro da que o noso país figura nas primeiras posicións a nivel mundial, xunto coa propia natureza relacional do ser humano, fai que a ubicuidade do acceso á Rede sexa unha realidade que contribúe a esa inxente xeración de información. Dita realidade fomenta o auxe de novas disciplinas que xerarán innovación e emprego nos vindeiros anos, como son o caso de Big Data, Open Data ou a Internet das Cousas, da que oiremos falar decote nos vindeiros meses.

Desde o CPEIG consideramos necesarias unha educación e concienciación a todos os niveis para evitar aumentar -e mesmo atallar- a fenda existente non só entre xeracións, senón tamén entre distintos colectivos sociais por razóns de ingresos, situación xeográfica ou xénero en canto ás TIC se refire.

Polo tanto, é fundamental a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación e como líderes dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza da saída da actual crise.

A igualdade de xénero é un dereito humano básico consagrado na Carta das Nacións Unidas e unha das principais metas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) das Nacións Unidas. Debemos ser conscientes de que as TIC son ferramentas que poden acelerar o progreso cara ao logro deses obxectivos.

O enfoque deste ano do Día Mundial da Internet, "As mulleres e as nenas nas TIC", vai dirixido a garantir que esa importante metade feminina da poboación mundial avance cara á igualdade real.
O CPEIG únese a ese enfoque subliñando que a muller debe ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento; só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias.