Pasar al contenido principal

O CPEIG ofrece un seminario de produtividade persoal baseado no método GTD

Alejandro Vázquez, director xeral creativo de La Nuestra Comunicación Publicitaria

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ofrece un total de 20 prazas para asistir ao seminario GTD (Getting Things Done), método de produtividade persoal dirixido a profesionais e directivos, que impartirá o profesor asociado da USC e empresario da comunicación publicitaria Alejandro Vázquez. A acción formativa terá lugar no Edificio CERSIA, na Aula 1, en Santiago de Compostela, na tarde do venres 19 de outubro.

Os obxectivos do seminario, que se desenvolverá de 17H. a 19.30 H., son os seguintes: pensar sobre o concepto de produtividade persoal como un sistema de mellora da calidade do traballo e da calidade de vida; facer reflexionar sobre a cantidade de hábitos improdutivos que temos a diario e propoñer unha sistematización dos compromisos vitais como forma de acometelos con maior tranquilidade.

Metodoloxía

O comezo do seminario consistirá na "descrición dunha vida actualmente gobernada polo contexto exterior e que nos impide ser donos das cousas que facemos. Unha posición reactiva que nos frustra e non nos deixa chegar ou camiñar cara os que poderían ser os nosos obxectivos vitais", en palabras do propio Alejandro Vázquez.

Unha segunda parte consistirá na explicación do método GTD, cos seus cinco procesos básicos, que abordan a operatividade cotiá, a planificación natural de proxectos e as distintas alturas de enfoque.

A continuación, o seminario explicará como comezar a aplicar o método e incluirá unha simulación do proceso de recompilación e o que significa. Por último, daranse datos dos libros de David Allen e unha selección de webs que abordan o GTD.

As persoas interesadas en asistir ao seminario deberán cubrir o formulario correspondente no portal do colexio. No caso dos colexiados, deberán abonar 30 euros; 60€ no caso de persoas non colexiadas.

Relator 

Alejandro Vázquez, director xeral creativo de La Nuestra Comunicación Publicitaria, é profesor asociado de Comunicación Publicitaria da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Licenciado en Ciencias da Información (Publicidade) pola Universidade Autónoma de Barcelona, cursou o Master en Marketing pola Escola Superior de Marketing e Administración. Tamén é profesor de Campañas Publicitarias no Master Marketing Político en Ciencias Políticas da USC.

Especialista en método GTD de produtividade persoal. Impulsando a aplicación do sistema en profesionais e directivos. É autor do blog www.productividadengtd.com

Lugar e calendario

A acción formativa terá lugar na tarde do venres 19 de outubro dende as 17:00h até as 19:30h, na Aula 1 do Edificio CERSIA (Avda. Fernando Casas Novoa s/n, 15707, Santiago de Compostela) , en Santiago de Compostela. 

Inscrición

Número de prazas

O seminario está prevista para 20 asistentes. As prazas asignaranse en rigoroso orde de solicitude de inscrición atendendo aos seguintes criterios de preferenza:

  1. Colexiados/as do CPEIG e non colexiados/as que acepten compromiso de colexiación (*).

  2. Precolexiados/as do CPEIG e non precolexiados/as que acepten compromiso de precolexiación (**).

  3. Non colexiados/as e non precolexiados/as.

Cota de inscrición

O importe da cota de inscrición é o seguinte:

  • Membros colexiados/as, precolexiados/as do CPEIG: 30€
  • NON colexiados/as, precolexiados/as que acepten compromiso de colexiación ou precolexiación: 30
  • NON colexiados/as e NON precolexiados/as: 60€

Procedemento de inscrición 

 

O prazo de inscrición deste curso rematou o xoves 18 de outubro ás 23:00.

O procedemento de pago da cota é o seguinte:

  • Membros colexiados/as e precolexiados/as. A cota será cargada polo colexio na conta corrente do/a colexiado/a.

  • Persoas con compromiso de colexiación/precolexiación ou non colexiadas/precolexiadas. A cota de inscrición do curso deberá ingresarse até o 18 de outubro na conta corrente de "la Caixa" 2100-2954-75-0200085712. No concepto do ingreso deberá figurar o DNI, o nome do asistente ao seminario e o nome do seminario ("GTD").

  • Se a cota a paga unha empresa, ingresará o importe da mesma até o 30 de outubro trala presentación de factura por parte do colexio.

O Colexio emitirá un recibo bancario polo importe das matrículas.

No caso de que se superase o número de prazas dispoñibles, o CPEIG reingresará o importe da cota a aquelas persoas inscritas que quedasen fora da lista de admitidos/as do curso. 

A inscrición proporciona o dereito de asistencia ao curso, pero non obrigará ao colexio a devolver o importe ingresado no caso da non asistencia da persoa admitida no curso.

Así mesmo, no caso de que o número de asistentes sexa insuficiente, o CPEIG poderá suspender a actividade formativa. En tal caso o CPEIG reingresará o importe da cota a aquelas persoas inscritas.

Requisitos complementarios

  1. Será precisa a identificación dos/das alumnos/as inscritos/as por medio do seu DNI.

  2. Aquelas persoas non colexiadas que asumisen o compromiso de colexiación deberán presentar a documentación esixida para a colexiación.

  3. Aquelas persoas non precolexiadas que asumisen o compromiso de precolexiación deberán presentar a documentación esixida para a precolexiación.

Contacto

Para ampliar información ou para aclarar calquera dúbida dirixirse o Presidente da Comisión de Formación, Francisco Javier Rodríguez Martínez vogal4@cpeig.org

(*) Durante o proceso de cumprimentación do formulario de inscrición, aquelas persoas non colexiadas, e que estén en disposición de facelo, poderán comprometerse á colexiación. Este compromiso formalizarase o primeiro día do curso presentando a documentación esixida. No caso de optar por este mecanismo, e se así o desexa o/a solicitante, non será preciso presentar as copias compulsadas descritas no proceso de colexiación. Será suficiente presentar as fotocopias e os orixinais para cotexar o mesmo día do inicio do curso.

(**) Durante o proceso de cumprimentación do formulario de inscrición, aquelas persoas non precolexiadas, e que estén en disposición de facelo, poderán comprometerse á precolexiación. Este compromiso formalizarase o primeiro día do curso presentando a documentación esixida. No caso de optar por este mecanismo, e se así o desexa o/a solicitante, non será preciso presentar as copias compulsadas descritas no proceso de precolexiación. Será suficiente presentar as fotocopias e os orixinais para cotexar o mesmo día do inicio do curso.