Pasar al contenido principal

Imatia Innovation gaña o Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG

Estatuíña Noite da Enxeñaría en Informática

Os colexiados que compoñen a xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiron outorgarlle o Premio Iniciativa Empresarial á empresa Imatia Innovation, en recoñecemento ao seu labor como unha das empresas tecnolóxicas europeas líder en innovación. Os responsables da firma recibirán o galardón dentro da celebración da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 23 de novembro.

Fundada en 2005, Imatia Innovation ten a súa orixe como spin-off da Universidade de Vigo. É unha empresa tecnolóxica especializada no desenvolvemento rápido de sistemas de información e alta calidade, e recoñecida xa fóra de España. Este mesmo ano a editorial Red Herring incluíu a firma galega dentro da súa listaxe de referencia a nivel mundial de empresas, TOP 100 en Europa. Ese recoñecemento supón identificar a Imatia Innovation como unha firma nova con moito desenvolvemento futuro e con carácter emprendedor.

O CPEIG fará entrega dos seus premios anuais no transcurso da Noite da Exeñaría en Informática de Galicia, que este ano chega á súa cuarta edición. Será o 23 de novembro, nunha gala que representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e que conta coa participación de cargos empresariais do sector TIC e institucionais.

Galardóns

  • Premio Traxectoria Profesional: a título póstumo, Víctor Gulías, profesor, investigador e emprendedor.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable.
  • Premio Proxecto Fin de Carreira: pendente de fallo.
  • Premio Iniciativa da Administración: Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Imatia Innovation.
  • Premio Ada Byron: a enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social.