Pasar al contenido principal

O CPEIG manterá mañá venres un encontro dixital sobre o impulso ás TICs de Galicia e norte de Portugal

Símbolo do CPEIG

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, será o protagonista mañá venres, día 14 de decembro, dun encontro dixital que terá lugar a partir das 11.30 H. no xornal Faro de Vigo. Baixo o epígrafe de Impulso ás TICs de Galicia e norte de Portugal, o entrevistado afondará no Núcleo de Apoio á Concorrencia e á Creación de Empresas TIC, proxecto NACCE (www.nacce).

Todas aquelas persoas interesadas en expoñerlle as súas preguntas a Fernando Suárez Lorenzo poden facelo nas seguintes ligazóns http://comunidad.farodevigo.es/entrevista-chat/4505/fernando-suarez/fer… e http://is.gd/gQDFy5.

Cómpre lembrar que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) forma parte do grupo de mentores do proxecto NACCE, que ten como fin formar a 350 emprendedores e empresas de Galicia e Portugal.

NACCE é unha plataforma de colaboración para a creación de empresas TIC. Trátase dunha rede composta por socios e colaboradores que potenciará a formación e asesoramento de pequenas e medianas empresas transfronteirizas co obxectivo de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu crecemento. O obxectivo é estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a concorrencia das empresas existentes e, como consecuencia directa, dinamizar o emprego.

No proxecto participa a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic), a Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio de Vigo e dous socios de Portugal: Aimnho, de Braga, e CCG, de Guimarâes. Segundo un acordo asinado recentemente, o CPEIG sumouse ao núcleo de apoio ao proxecto mediante a achega da experiencia dos seus colexiados e colexiadas, a asistencia a xornadas e mesas redondas, o estudo de proxectos presentados polos emprendedores TIC e o consello a estes promotores.

O proxecto NACCE inscríbese dentro do Programa Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep) e conta con cofinanciamento de fondos Feder.