Pasar al contenido principal

O CPEIG pide a implicación dos poderes públicos a prol da seguridade e privacidade dos menores

Símbolo do CPEIG

Santiago, 25 de xaneiro de 2012.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) quere poñer de manifesto -diante da vindeira conmemoración do Día da Protección de Datos, previsto para o luns 28- a necesidade de que os poderes públicos colaboren na seguridade da privacidade dos menores no uso de Internet.

Desde o punto de vista do CPEIG (www.cpeig.org), sería preciso incorporar aos plans de estudo a aprendizaxe sobre o control dos datos persoais dos nenos e nenas na Rede, posto que o descoñecemento do control efectivo sobre esa información e os datos de terceiras persoas motivan a aparición de casos como o acontecido recentemente na cidade coruñesa. Nesa ocasión, a difusión masiva de material gráfico íntimo dunha serie de nenas a través das redes sociais fixo saltar a alerta sobre a seguridade e privacidade das menores.

Convén lembrar que o CPEIG deseñou e puxo en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, o programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, que precisamente é unha iniciativa encamiñada a que escolares, pais, nais e profesorado tomen conciencia dos riscos da Rede, para evitar o ciberacoso e outros problemas tamén relativos ás redes sociais. No presente curso estase desenvolvendo a terceira edición do programa, que leva –dentro do programa Abalar- a enxeñeiros e enxeñeiras en Informática aos centros escolares para transmitir unha serie de recomendacións.

Por outra banda, a vindeira xunta de goberno do CPEIG abordará a creación dunha comisión dedicada integramente a estudar e planificar accións e informes a prol da protección de datos. Para o ente colexial, é de indiscutible importancia que a sociedade galega tome conciencia da "perentoria necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos e, precisamente por ese motivo, quere propoñerlle aos galegos e galegas iniciativas dirixidas á mellora do exercicio da cidadanía".