Pasar al contenido principal

Goberno aberto

Fernando Suárez. Presidente do CPEIG

O goberno aberto pretende establecer unha nova estratexia de relación entre os cidadáns e o sector público en todas as súas dimensións. Os eixos clásicos sobre os que pivota son a transparencia, o fomento da participación e a colaboración. Esta nova mentalidade permite tratar os cidadáns como protagonistas no lugar de como consumidores pasivos en temas tan básicos como a educación, sanidade ou seguridade social.

Un dos compoñentes máis mencionados ultimamente é o que coñecemos como Open Data e Reutilización da Información do Sector Público (RISP), que consiste en pór a información das distintas administracións dispoñible en formatos estándar que faciliten o seu acceso e permita a súa reutilización.

O sector público produce unha gran variedade de información que é potencialmente reutilizable polos cidadáns e pola industria de contidos dixitais. Esta información ten unhas características que a fan particularmente atractiva para o sector dos contidos dixitais, xa que é de calidade, completa e fiable. Ao mesmo tempo, as TIC cambiaron radicalmente as vías de acceso á información en xeral e á información do sector público en particular, facilitando considerablemente a recollida de información, a súa difusión, posta a disposición e transformación.

Xorde, deste xeito, un novo sector, o infomediario, formado por aquel conxunto de empresas que xeran aplicacións, produtos e/ou servizos de valor engadido destinados a terceiros, a partir da información do Sector Público. Para que estas iniciativas teñan éxito debe producirse un diálogo permanente entre ambas as partes, onde a oferta satisfaga a demanda de información pública e onde o resultado da transformación desa información en bruto satisfaga á súa vez necesidades da cidadanía.

A estimación do volume de negocio asociado directamente á actividade infomediaria sitúase entre 550 e 650 millóns de euros. Por tanto, Open Data e RISP constitúen elementos xeradores de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.

Artigo do Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, publicado no diario El Correo Gallego.